Comezan as obras de urbanización da rúa Julia Minguillón

Foz
TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
4 Feb 2021

O Concello de Foz iniciou as obras de urbanización e mellora de accesibilidade na rúa Julia Minguillón, que serve de conexión entre Corporacións Municipais e Cervantes -prolongación da Avenida de Asturias- e soamente contaba con beirarrúas na metade da súa lonxitude, presentando tamén un firme en moi mal estado de conservación.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que a rúa Julia Minguillón “é moi empregada tanto por vehículos como por peóns e vanse dispoñer beirarrúas en toda a lonxitude da rúa por ambas marxes e renovar o firme que se encontra en mal estado, garantindo deste modo a accesibilidade a tódolos veciños da zona. Esta é unha das obras que o Concello executa dentro do seu plan de acondicionamento do núcleo urbano e mellora de accesibilidade, centrado nas persoas”.

O rexedor municipal engade que “hai moitas obras de pequena ou mediana entidade que supoñen un cambio moi considerable na vida diaria de veciñas e veciños. Non dispoñer de beirarrúas nesta vía tan utilizada para ir ao parque, á gardería da Galiña azul, etcétera supoñía un risco de seguridade moi grande, especialmente para pais e nais con carriños de nenos. Vanse ter en conta tamén a ampliación de servizos e a renovación do firme, que está deteriorado. Son case que 30.000 euros de fondos propios que o Concello de Foz consignou para esta obra, un investimento dos que melloran o pobo”.

0.18535089492798