Comezan as obras do novo pavillón polideportivo de Bretoña, en Pastoriza

TerraChaXa
A intervención permitirá renovar diferentes espazos do recinto deportivo co obxectivo de mellorar as súas condicións de uso, funcionalidade e comodidade
obras-pavillon-bretona
6 Oct 2026

O Concello de Pastoriza informou do inicio das obras de acondicionamento do pavillón polideportivo de Bretoña, unha actuación que responde a unha demanda da veciñanza e da comunidade educativa do colexio da localidade. Os traballos contan co apoio da Xunta e teñen un prazo de execución previsto de dous meses, cun investimento próximo aos 50.000 euros.

A intervención permitirá renovar diferentes espazos do recinto deportivo co obxectivo de mellorar as súas condicións de uso, funcionalidade e comodidade. Entre as actuacións previstas atópase a mellora do vestiario destinado aos equipos visitantes, así como a reforma do espazo reservado aos árbitros.

O proxecto contempla tamén o acondicionamento do almacén das instalacións e o pintado da pista deportiva, no que se renovará o marcado necesario para facilitar a práctica de distintas modalidades deportivas. En concreto, a pista contará con novas sinalizacións para fútbol sala, baloncesto e tenis.

Desde o Concello sinalan que estas obras permitirán optimizar o aproveitamento do pavillón por parte dos clubs deportivos, asociacións e veciñanza do municipio, ao tempo que se dota a instalación dunhas condicións máis axeitadas para o desenvolvemento das actividades físicas e deportivas.

O Goberno local enmarca esta actuación no seu compromiso coa conservación e mellora das infraestruturas deportivas do municipio e coa prestación de servizos e equipamentos adecuados no rural. A intervención no pavillón de Bretoña pretende dar resposta ás necesidades trasladadas tanto pola veciñanza como pola ANPA e a dirección do colexio.

O Concello de Pastoriza destaca que a actuación supón avanzar na dotación de instalacións públicas de calidade e reafirma a súa intención de continuar traballando para manter un rural activo, con servizos e equipamentos que permitan mellorar a calidade de vida da poboación.

0.14379286766052