Comezan as obras para completar a renovación de beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea
Actuarase en preto dun quilómetro da travesía da estrada LU-113, desde o centro, á altura da praza de Galicia, ata a saída do núcleo urbano en sentido Abadín.
A Xunta comezou as obras para completar a renovación integral de beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea, no municipio de Castro de Rei, que supoñen un investimento de 420.000 euros.
Esta actuación permitirá actuar na travesía da estrada autonómica LU-113 ao seu paso polo municipio, en preto dun quilómetro de lonxitude: desde o centro, á altura da praza de Galicia, ata a saída do núcleo urbano en sentido Abadín.
Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses e teñen por obxectivo mellorar a seguridade para os peóns, especialmente nos puntos que presenten dificultade de paso para as persoas con mobilidade reducida ou carros de bebé, entre outros supostos.
Máis en detalle, as obras realizaranse na travesía da LU-113, entre os puntos quilométricos 5+070 e 6, onde o tránsito peonil en ambas as marxes da travesía é moi intenso porque acolle numerosos servizos, comercios e equipamentos.
As novas beirarrúas construiranse cunha anchura igual ou superior a 1,80 metros en toda a lonxitude. Regularizarase a superficie e estenderase unha nova capa de zahorra e outra de formigón, sobre a que se asentará a baldosa hidráulica antideslizante.
Tamén se prevé nesta obra a ampliación e traslado dos sumidoiros ás novas zonas de ampliación e a mellora dos accesos aos garaxes.
Con esta nova intervención, a Xunta completa os traballos xa realizados no ano 2020, no tramo comprendido entre o quilómetro 3+820, á altura do camposanto, preto de Duarría, e o quilómetro 5+070, que supuxeron un investimento de 266.500 euros.
En conxunto, o investimento da Xunta para a renovación desta travesía ascende a 686.500 euros.