Comezan este venres en Lugo os actos homenaxe a Avelino Díaz
O poeta Avelino Díaz será lembrado polos 125 anos do seu nacemento cunha serie de actos que se desenvolverán nos próximos días. O poeta naceu na Órrea (Riotorto) en 1897 e morreu en Bos Aires en 1971 pero tamén vivieo en Meira en varias etapas da súa vida.
O primeiro acto de lembranza terá lugar en Lugo o día 25 (salón de actos da Deputación, 19 horas), coa presentación do libro Avelino Díaz, unha voz comprometida na Galicia emigrante, de Marivel Freire, e do libro-guía Andainas con Avelino Díaz, de Isabel Pin. As actuacións de Azucena Gavín e de Mero Iglesias completarán o programa.
Para o 3 de decembro está previsto un percorrido por Meira e arredores, preparado co título Andainas con Avelino Díaz que terá un percorrido de tres quilómetros.
Ese mesmo día, pero ás 19 horas, haberá un pasacalles e unha actuación no cabanón do Convento, coa intervención de varios grupos. A Quenlla actuará ás 23 horas como colofón.
O 10 de decembro continuarán os actos na casa do Concello, ás 12 horas. O profesor César Camoira ofrecerá unha conferencia co título Como interpetamos a Avelino Díaz?.
O poeta desenvolveu a súa traxectoria poética na emigración. A asociación que leva o seu nome, organizadora destes actos, está a loitar dende hai anos para que Avelino Díaz chegue a ser protagonista dun Día das Letras Galegas.