Comezarán os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas

TerraChaXa
A Xunta inicia a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas da Mariña e Terra Chá.
Comezarán os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas
8 sep 2020

A Xunta inicia a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas da Mariña e Terra Chá.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, está a realizar estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de máis de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas obras, que comezarán o luns, levaranse a cabo nas estradas LU-862, entre O Vicedo e Viveiro, e na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade.

Tamén continuarán a vindeira semana as tarefas xa iniciadas nestas últimas semanas nas marxes de estradas autonómicas das comarcas de Noia, Bergantiños, Ferrol, A Barcala, Terra Chá, Ourense e Pontevedra.

Máis en detalle, estase a actuar nas estradas: AC-554, en Outes; AC-523, na Laracha; na VG 1.2, en Ares e Mugardos; na AC-546, na Baña; na CG 2.2, en Lugo e no Corgo; na OU-404, en Cartelle; na conexión da autovía A-52 coa N-525, en San Cibrao das Viñas, e na PO-801, en Crecente.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando desde maio o acondicionamento nas franxas de dominio público en máis de 30 vías autonómicas das catro provincias, para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, co fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando no incremento de uso que experimentan nesta época estival.  

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

0.095024108886719