Completado o saneamento en tres parroquias de Cospeito
A rede xeral de abastecemento do municipio de Cospeito xa é propiedade do Concello tra lo acto de entrega das obras por parte da Xunta de Galicia. As obras consistiron na extensión do servizo a nove núcleos de poboación das parroquias de Santa María, Xermar e Roás.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investiu 592.000 euros neste proxecto, que serviu tamén para lograr unha mellora global da rede en aspectos como a cloración, medición de caudais e xestión informática dos datos.
O abastecemento no municipio realizouse en tres fases, que supuxeron un investimento conxunto de preto de 2,9 millóns de euros. Está composto por dous sistemas independentes, o de Rabadá e o das Paincegas (Muimenta), asociado cada un deles a unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) propia.
O último proxecto executado consistiu na conexión de Santa María de Cospeito co sistema da potabilizadora de Rábada mediante unha tubaxe que tamén abastece a Fonte e Xermar. Por outra banda, executouse unha segunda condución xeral conectada co sistema da potabilizadora das Paincegas, que abastece a Roás. Por último, construíronse ramais secundarios que dan servizo a Xermar norte e sur, A Covela, A Insua, Rioveso-Santalla e A Fonte.