Con competicións deportivas abre a II Festa da Troita en Parga o 3 de setembro

TerraChaXa
Unha carreira, competición de lanzamento de caña, campionato de billarda e corda frouxa serán as principais actividades da II Festa da Troita que organiza a Asociación de Pesca do Río Parga para o domingo 3 de setembro nunha xornada que contará con animación musical e xantar.
24 Ago 2017

As actividades comezarán ás nove da mañá na carballeira de Parga para a recollida de dorsais dos participantes na I Carreira Ruta das Augas 2017. Posteriormente trasladaranse ao punto de saída no aparcadoiro de caravanas de Guitiriz dende onde deberán percorrer 7 km ata a ponte de Parga.

Arredor das once e cuarto da mañá está prevista unha competición de precisión de lanzamento de caña estilo ballesta no CIT de Parga, para as doce o inicio do II Campionato de Billarda tamén no CIT de Parga e á unha, no mesmo lugar, instalarase unha corda frouxa.

A entrega de trofeos e diplomas realizarase arredor das dúas do mediodía na carballeira de Parga para deixar paso a unha sesión vermú a cargo dos gaiteiros do Concello de Guitiriz.

O xantar servirase na carballeira de Parga a partir das dúas e media do mediodía a base de troitas con torreznos e ensalada, churrasco mixto, pan de Ousá, torta de millo de Curro Vello, bebida, café e chupito.

Os tickets pódense recoller no bar CIT, bar A Roda, restaurante Cóndor, Mesón da Cabra, Pub Xoldra, Bar San Juan de Pardiñas e restaurante Merendero dos Vilares por un prezo de 20 euros.

0.12783980369568