Concello e ANPAS aseguran que os centros ponteses foron excluídos do programa de reforzo educativo da Xunta

TerraChaXa
PROA+ ten como obxectivo mellorar o rendemento escolar e reducir o abandono educativo temperá
educacion-escolar-alumnos-colexio
10 Nov 2024

O Concello das Pontes e a coordinadora de ANPAS Abrente denuncian a exclusión de todos os centros educativos do municipio do programa de reforzo, orientación e apio (PROA +) da Xunta de Galicia.

Trátase dunha iniciativa educativa que ten como obxectivo mellorar o rendemento escolar e reducir o abandono educativo temperán, dotado con case 6 millóns de euros do Fondo Social Europeo, e a Xunta deixa a case 350 centros educativos galegos fóra do programa, cinco deles das Pontes, abandonando ao alumnado en situación de vulnerabilidade e privándoo dun segundo especialista na aula.

"Estamos ante un recorte máis da Xunta de Galicia, que repercute na calidade da ensinanza, na prevención do abandono escolar pero sobre todo nos nenos e nenas das Pontes que para a Xunta non son máis que números a hora de decidir os cupos de profesorado que van acompañar aos nosos fillos e fillas no seu proceso de aprendizaxe" apuntan desde As Pontes.

"A educación inclusiva e a diversidade educativa non poden obedecer só a unha aplicación fría e ríxida das ratios, a Xunta de Galicia debe garantir o dereito a unha educación pública de calidade a todos os nenos e nenas das Pontes, destinando máis fondos a programas esenciais e dotalos de profesorado especialista a xornada completa que garantan o éxito escolar do alumnado e a súa permanencia no sistema educativo".

0.16599011421204