Concellos da comarca do Eume únense para relanzar o turismo

TerraChaXa
O Concello das Pontes, xunto cos Concellos de Pontedeume, Monfero, Cabanas e A Capela axuntan esforzos co obxectivo de incrementar o peso turístico da comarca do Eume e promover o turismo sustentable.
14 sep 2020

O Concello das Pontes, xunto cos Concellos de Pontedeume, Monfero, Cabanas e A Capela axuntan esforzos co obxectivo de incrementar o peso turístico da comarca do Eume e promover o turismo sustentable.

A primeira acción levada a cabo polas cinco entidades locais é a presentación dunha candidatura da comarca ao Programa “ Planes de Sostenibilidad Turística en Destinos” da Secretaría de Estado de Turismo; un plan que apoio ao investimento, dotado con 53 millóns de euros, en actuacións de impulso, adecuación e mellora dos destinos turísticos para aumentar e potenciar a súa sustentabilidade.

O obxectivo da candidatura da Comarca do Eume é, desde os diferentes municipios, aportar solucións que permitan regular os fluxos turísticos na comarca, incrementar o peso do turismo nos cinco territorios, a través do tratamento global da comarca por medio da creación dunha oferta turística de calidade, entorno ás Fragas do Eume, que permita mellora a chegada de visitantes e turistas e repercuta positivamente e de forma directa sobre a poboación local.

Neste sentido, Elena López, concelleira de Turismo nas Pontes sinala que “a través deste proxecto queremos ofrecer un destino máis atractivo, sostible, desestacionalizado, integrando activos culturais e patrimoniais, para impulsar o desenvolvemento económico e social, para deste xeito, revitalizar a comarca no seu conxunto”

A proposta presentada aposta pola conservación e promoción do patrimonio histórico e cultural así como polo uso das novas tecnoloxías, tendo como eixo vertebrador as Fragas do Eume. Así mesmo, o proxecto persegue, a través dunha ambiciosa estratexia e un plan a longo prazo, formado por múltiples accións e actividades, reconverter e diversificar a oferta turística mediante a creación de novos servizos e produtos.

Entre as accións propostas, co obxectivo de mellorar e poñer en valor a oferta turística, destacan a creación de diversas áreas de caravanas, a creación dunha ruta de miradores do Eume, a posta en marcha dun novo servizo de bicicletas eléctricas, instalación de bungalows flotantes no lago Pontes, a preparación dunha exposición itinerante dos restos arqueolóxicos deste municipio ou dunha ruta cultural entorno aos mosteiros da comarca e da familia Andrade.

Ademais propóñense melloras nos accesos ao Parque Natural Fragas do Eume por A Capela, o acondicionamento do mirador da Carboeira e o da parroquia de Soarrea, no concello de Cabanas e a implementación de solucións tecnoloxías turísticas no Castelo de Nogueirosa, Lago das Pontes, Mosteiros de Caaveiro, Monfero e a Capela.

Por outra banda, co obxectivo de mellorar os sistemas de información comunicación e proxección da marca turística dos diferentes municipios crearase unha imaxe de marca conxunta, vídeos promocionais e unha páxina web e asistirase a feiras sectoriais de referencia.

0.098274946212769