Concellos lugueses dinamizan o programa Ler conta Moito con novas actividades
A Consellería de Cultura e Turismo colaborará con 34 entidades locais da provincia de Lugo para programar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ao abeiro do programa Ler conta moito.
As axudas concedidas aos concellos lugueses na edición deste ano suman 30.000 euros. En canto aos municipios beneficiarios, doce son da Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove); dez da Zona Sur (Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Taboada); cinco da Terra Chá (Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade); ademais dos municipios de Antas de Ulla, Monterroso, Sarria, O Páramo, A Fonsagrada, Riotorto e a capital luguesa.
A través desta liña de achegas, as entidades locais programarán un mínimo de dúas actividades do catálogo Ler conta moito 2020 de maneira que cada concello poderá recibir unha achega que cubra ata o 75% dos gastos.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, continúa impulsando así Ler conta moito, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas que se desenvolve en colaboración coas entidades locais.
Trátase dunha programación que ten como obxectivo contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir. Ademais, o desenvolvemento destas actividades de dinamización no ámbito da biblioteca permiten reforzar o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe.