Conde defende en Pastoriza e Vilalba o mantemento da PAC e a modificación da Lei de cade alimentaria

O sector primario é prioritario para Alberto Núñez Feijóo que “o está a coidar especialmente na súa proposta electoral”, segundo explicou Francisco Conde. Nese sentido, aclarou que “Feijóo encargou un Libro Branco que recolla todas as medidas para o sector agrícola, gandeiro, forestal e pesqueiro para “poñer en valor o sector, a forma de vida e poñer as condicións para sexa rendible e que calquera persoa interesada poida asentarse no rural”.
Durante unha visita á SAT Os Penedos, en Pastoriza, xunto a outros membros da candidatura, responsables do goberno municipal e gandeiros e gandeiras da zona, Conde engadiu que “o sector gandeiro é fundamental para a provincia de Lugo dende o punto de vista económico e social e, ademais, contribúe a coidar o medio natural e fixar poboación no rural”. Así, subliñou que “temos que poñer condicións para que o rural sexa unha actividade na que se gañe diñeiro igual que en calquera outro sector, como o dos servizos ou o industrial”.
Ante a situación de incerteza que xera entre os gandeiros e gandeiras a negociación da nova PAC e a subida dos custos de produción derivados dos altos prezos da enerxía, dos combustibles... o Partido Popular comprométese a defender en Bruxelas un bo acordo para España para o mantemento dos fondos para a Política Agraria Común (PAC) e tamén a aprobar as axudas de emerxencia aos sectores agrario -e tamén ao pesqueiro- que que permitan compensar o incremento dos custes utilizando toda a marxe de actuación que ofrece a UE. Os populares tamén apostan por reducir os impostos e a burocracia.
Conde tamén destacou a modificación da Lei da Cadea Alimentaria para avanzar na transparencia dos custos das marxes e garantir que agricultores e gandeiros participen das ganancias que se xeran ao longo de toda a cadea de valor. “O máis importante é que a base, o agricultor e o gandeiro, forme parte desas ganancias”, apuntou.
As medidas do Partido Popular no ámbito rural diríxense a garantir a viabilidade das actividades rurais e ofrecer perspectivas de futuro e, especialmente, “favorecer a remuda xeracional”. Nese sentido, defendeu iniciativas para facilitar a incorporación dos mozos ao sector primario como beneficios fiscais -50% imposto da renda nos primeiros anos de actividade-, un bono de incorporación de ata 15.000 euros e avais públicos de ata o 80% para investir nas explotacións.
E tendo en conta que “o rural tamén precisa servizos, infraestruturas e un conxunto de condicións que permitan asentarse e desenvolver un proxecto de vida”, Conde lembrou o compromiso de “asegurar conectividade de calidade” e aplicar impostos 0 á compra da primeira vivenda por parte dos mozos e mozas “como estímulo para facilitar a súa incorporación ao rural”.
Conde reafirmou o compromiso do Partido Popular para traballar desde o Goberno de España en colaboración coa Xunta de Galicia e cos Concellos, como o de Pastoriza, para dar resposta ás necesidades dos sectores agrícola, gandeiro, forestal e pesqueiro. “O sector primario é absolutamente prioritario e así o foi para Feijóo en Galicia e así se mantén nesta proposta electoral. Queremos que todas as administracións traballemos de forma coordinada para dar soporte ás necesidades do rural”, concluíu.
REUNIÓN CON EMPRESARIOS EN VILALBA
O cabeza de lista ao Congreso polo Partido Popular na provincia tamén visitou o polígono industrial Sete Pontes de Vilalba acompañado pola presidenta do PP local, Sandra Vázquez, e o candidato ao Senado, Daniel Orosa, que mantiveron un encontro con empresarios e puideron coñecer de preto algunha iniciativa empresarial coma AviLugo, dedicada á cría e produción de polo ecolóxico.
O candidato popular lembrou algunhas medidas en materia económica que benefician aos distintos sectores e á sociedade en xeral como é o plan de choque para mellorar o poder adquisitivo e que inclúe IVE do 0% aos alimentos básicos, baixada do 21 ao 10% o IVE da enerxía e a eliminación do IVE para autónomos que facturen por debaixo de 85.000 euros anuais.
Outras medidas que recolle o programa electoral do Partido Popular en relación ao sector empresarial son, entre outras, a aplicación de incentivos económicos para abrir negocios, facilitar a remuda e atraer investimento que cree emprego estable en zonas rurais, a redución das cargas administrativas xerais un 25% e un 35% para as pequenas e medianas empresas antes do 2029 ou a bonificación do 100% das cotizacións empresariais polo primeiro traballador durante un ano e o 50% polo segundo.