Conde defende en Vilalba as actuacións no sector forestal levadas a cabo polo PP

TerraChaXa
Francisco Conde: “É o momento de apostar polo PP para impulsar medidas vinculadas ao sector forestal, estratéxico para Lugo e Galicia”
MITIN CONDE PP VILALBA
20 Jul 2023

O candidato número 1 da lista do PP lucense ao Congreso, Francisco Conde, asegurou nun almorzo informativo con representantes do sector forestal celebrado onte en Vilalba que “é o momento de apostar polo Partido Popular para impulsar medidas vinculadas ao sector forestal, un sector estratéxico para Lugo e para Galicia”.

Conde explicou que “o sector forestal é un sector competitivo, que xera emprego e favorece o crecemento económico e as nosas exportacións. Polo tanto, está abrindo novas oportunidades para vivir no rural e vivir do rural”.

O candidato popular avogou por “apoiarnos no sector forestal para impulsar unha xestión ordenada e sostible” desde os puntos de vista ambiental, económico e social. E engadiu que “é o momento de impulsar a recuperación do territorio afectado polos incendios forestais e novas medidas para abrir mercados vinculados coa compensación da pegada de carbono, onde o forestal vai xogar un papel decisivo”.

O cabeza de lista ao Congreso pola provincia sinalou que “fronte á falta de cooperación por parte do Goberno de España, a Xunta de Galicia é consciente de que a industria forestal galega “é un referente” e ten claro que “a colaboración público-privada é o mellor camiño, o máis seguro e máis fiable para acadar os nosos obxectivos”.

O Partido Popular márcase catro grandes obxectivos: mellorar o capital humano 
a través da formación; impulsar a innovación; cooperar e valorizar; e apostar pola competitividade, o desenvolvemento e a diversificación do sector. “Estes son os eixos de actuación da Axenda de impulso da industria forestal-madeira 2022-2024 da Xunta impulsada durante a etapa de Feijóo”, explicou. E agora, “queremos trasladar esta visión a nivel estatal” da man de Alberto Núñez Feijóo, que é o candidato que mellor coñece o rural e que mellor coñece o sector forestal”.

Conde adiantou que “con Feijóo no Goberno a industria forestal non volverá sentirse desamparada pola Administración central: seguiremos defendendo o mantemento de Ence na ría de Pontevedra para non poñer en risco miles de empregos e a planta de fibras téxtiles sostibles que propón Altri en Palas de Rei dicindo si á creación de miles de emprego”.

MITIN

O cabeza de lista ao Congreso avogou durante a súa intervención no mitin celebrado esta tarde en Vilalba por “un cambio para España, un cambio para ben” co que iniciar “unha nova etapa na que o rural galego volva estar na axenda do Goberno”. E para iso incidiu en “concentrar o voto no PP porque votar ás forzas da esquerda e partidos independentistas é apoiar un pacto de perdedores e votar a Vox en Lugo é votar a Sánchez, pois impide ao Partido Popular subir en número de escanos”.

Conde quixo recoñecer desde a comarca da Terra Chá o traballo dos gandeiros en xeral e do sector lácteo en particular. De feito, incidiu en que “Galicia é coñecida polo seu ouro branco” e explicou que “a nosa comunidade, e esta comarca en concreto, é un referente europeo en calidade, innovación, garantías de salubridade alimentaria e vocación de permanencia”.

O popular pediu unha “maioría suficiente” para poder levar a cabo as propostas do programa electoral do Partido Popular, como a aprobación dunha Lei de desenvolvemento rural que recolla un plan de apoio á España despoboada, revisar o plan estratéxico da PAC, optimizar o funcionamento da cadea alimentaria, bonificar impostos, reducir os custos da enerxía, os combustibles e materias primas ou promover a remuda xeracional.

Tamén engadiu que, “fronte aos que critican as nosas granxas, unha das primeiras cousas que faremos será baixar o IVE á carne” para incentivar o seu consumo. Deste xeito, “seguiremos defendendo os nosos produtos”, como os amparados polos selos de calidade Ternera Gallega ou Ternera Gallega Suprema.

VISITAS A GUITIRIZ E CASTRO DE REI

Os cabeza de lista ao Congreso e ao Senado, Francisco Conde e José Manuel Barreiro, acompañados por membros da candidatura popular ás xerais pola provincia de Lugo visitaron esta mañá a empresa de transporte Sande Bouza en Guitiriz e achegaranse esta tarde ás instalacións da planta de mexillóns de Vitalmar en Castro de Rei.

ALMORZO INFORMATIVO PP VILALBA
0.16575503349304