Suspendido o monólogo do sábado da XII edición da Invernada de Cine de Cabreiros

TerraChaXa
O programa conta tamén con dúas proxeccións e dous espectáculos teatrais
invernada-de-cine-cabreiros
6 Nov 2024

A casa escola de Cabreiros volve ser sede este outono da Invernada de Cine, que este ano chega á súa duodécima edición con actividades durante os meses de outubro, novembro e decembro.

O programa conta con dúas proxeccións, dous espectáculos teatrais e un monólogo. A previsión era continuar este sábado 9 de novembro, á 18.30, co monólogo Contaba morrer, de Lois Pérez, un espectáculo que reflicte o optimismo tráxico que define aos galegos. Ao final tivo que ser suspendido por causas alleas á organización polo que se buscará outra data para facerse.

Mary & Max será a seguinte proxección, unha película de animación de Adam Elliot, que poderá verse o 16 de novembro, un film que fala da amizade aínda que toca asuntos como o alcoholismo, as diferenzas, a soidade, os amigos imaxinarios e os amigos por correspondencia.

En decembro está previsto o día 14 un espectáculo infantil e familiar de Pakolas, As máis molonas, que recolle as cancións máis aclamadas polo público infantil rockeiro galego.

A invernada chegará ao seu final coa obra teatral As fillas bravas e o mito de Casandra, a cargo do grupo Chévere. Son tres pandereteiras que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados, con moita retranca e menos sabedoría.

0.17003893852234