Continúa o proceso de desbroce das estradas autonómicas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a levar a cabo as tarefas de roza nas marxes das estradas autonómicas lucenses.
Desbroce estradas begonte
4 Xul 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a levar a cabo as tarefas de roza nas marxes das estradas autonómicas lucenses que realiza cada ano con cargo aos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal das zonas norte e sur da provincia.

O orzamento é de 649.300 euros para actuar en case 1.500 quilómetros de estradas. Os traballos xa se iniciaron en maio e estímase que durarán ata mediados de xullo.

A Administración galega realiza o acondicionamento das marxes sempre na mesma época, comezando polas zonas onde a vexetación presenta un estado máis avanzado por particularidades climáticas ou biolóxicas.

O obxectivo desta medida é incrementar a seguridade nas estradas, ao mellorar a visibilidade e diminuír a presenza de materia potencialmente esvaradía. Esta actuación tamén optimiza a capacidade de evacuación dos sistemas de drenaxe das vías (cunetas, tubos...), evitando estancamentos por vexetación; e favorece a percepción da posible irrupción de animais na calzada con maior antelación, permitindo dispoñer de máis tempo de reacción ás persoas condutoras para evitar posibles colisións. Ademais, o aspecto limpo disuade de posibles verteduras incontroladas e a limpeza das cunetas aumenta a efectividade da calzada como cortalume en caso de incendio.

Estes traballos complementan aos que veu executando ao longo dos últimos meses o departamento de Infraestruturas, a través da empresa pública Seaga, en franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

0.14056587219238