Continúan os traballos de mellora da rede viaria municipal en Abadín

O Concello de Abadín continúa avanzando no seu plan de pavimentación de camiños mediante aglomerado asfáltico, unha iniciativa destinada a reforzar a seguridade viaria, mellorar a accesibilidade e optimizar as comunicacións nas distintas parroquias do municipio.
Nos últimos días executáronse actuacións no acceso aos Caseiros, na parroquia de Baroncelle, así como no acceso á Igrexa das Goas. Estas intervencións permitirán facilitar os desprazamentos da veciñanza e mellorar a conexión con espazos de especial relevancia para a vida diaria do concello.
As obras están a ser levadas a cabo pola empresa Construcciones Cholo, S.L., con sede en Vilalba, dentro do programa municipal de mellora da rede viaria.
Desde o goberno local destacan que estas actuacións forman parte do compromiso do Concello de seguir investindo na conservación e modernización das infraestruturas municipais, co obxectivo de garantir uns servizos de maior calidade e unhas mellores condicións de mobilidade para a cidadanía en todas as parroquias de Abadín.