Contos entre cordas, esta fin de semana na casa museo de Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
Este sábado e para todos os públicos, a narradora oral María da Pontragha e a arpista Bleuenn Le Friec presentan Contos entre cordas.
contos entre cordas casa museo manuel maria
contos entre cordas casa museo manuel maria
15 mar 2023

Este sábado, 18 de marzo, ás 20 horas, e para todos os públicos, a narradora oral María da Pontragha e a arpista Bleuenn Le Friec estarán na Casa-Museo Manuel María para presentar Contos entre cordas. Coa palabra e os contos de María e a música de Bleuen idearon a maneira de achegar o instrumento da arpa e o seu repertorio a lugares onde non se adoita escoitar.

O espectáculo, que está a ter moi boa acollida por todo o país, mostrará ao público asistente o vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica e entre os contos e as cordas.

María da Pontragha é educadora e antropóloga, desde sempre mantivo unha ligazón moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. En 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade. Na música, María fai parte, como vocalista, dos grupo Bouba e Sacha na horta.

Bleuenn Le Friec é unha arpista bretoa, galega de adopción. Aprendeu a tocar a arpa celta no ámbito da música tradicional bretoa. Despois emprendeu o estudo da arpa clásica e é con este instrumento que desenvolve hoxe a súa vida musical (Real Filharmonía de Galiza, Orquesta del Gran Teatre del Liceu, ...) como na música de raíz galega (Zumaque, Uxía, Carlos Núñez, Xoan Curiel,...).

É necesario facer reserva (billete 5 euros) para poder asistir en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698 177 621.