Convocada a cuarta edición do obradoiro dual Eume nas Pontes
A Concelleira de Industria do Concello das Pontes, Ana Pena, anunciaba esta mañá a concesión das axudas para a convocatoria da cuarta edición do Obradoiro Dual de Emprego Eume, de mantemento de espazos axardinados, que se porá en marcha a partir do 2 de decembro deste 2024, e no que o Concello das Pontes participa como entidade promotora, en colaboración cos concellos da Capela e As Somozas, e a Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración.
Trátase dun programa dual de formación e emprego que ten como obxectivo mellorar a cualificación profesional das persoas beneficiarias, a través da formación e da realización de prácticas profesionais.
Esta cuarta edición do obradoiro dual de emprego de mantemento de espazos axardinados ten unha dotación económica de 308.946 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración; ademais dunha achega de 32.000 por parte do Concello das Pontes como entidade promotora, e un aporte 4.000 do Concello da Capela e outros 4.000 do Concello das Somozas como entidades colaboradoras.
O obradoiro, que permitirá ao alumnado obter o certificado de profesionalidade, durará ata o 1 de setembro do 2025 e poderán participar nel ata un máximo de 15 alumnos.
Ana Pena, concelleira de Emprego, amosábase moi satisfeita pola concesión desta achega para a organización do obradoiro, xa que “dende o Concello das Pontes levamos xa tempo apostando por esta liña de colaboración entre administracións para poñer a disposición da veciñanza ferramentas de axuda e acompañamento especializado para que poidan desenvolver as súas competencias profesionais, e así acceder dun xeito máis favorable ao mercado laboral”.
Nas vindeiras datas, comunicarase convenientemente o inicio do proceso de selección do alumnado, así como os trámites administrativos e os prazos para solicitar o acceso a este obradoiro dual de emprego.