Convocada a V edición do concurso de poesía Rosalía sempre viva
A Casa-Museo Manuel María vén de convocar a V edición do Concurso de recitado poético Rosalía sempre viva, que celebrará a súa fase final o 6 de abril de 2019.
O certame está dirixido a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato, e está centrado no recitado de versos da obra en galego de Rosalía ou da ampla produción poética de Manuel María.
O obxectivo do concurso é potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura. Así, os traballos gañadores da pasada edición pódense ver no portal web da Casa-Museo.
Na pasada edición, máis dun centenar de rapaces de toda a xeografía galega participaron na final de Outeiro de Rei despois de pasar as fases previas nos distintos centros educativos inscritos previamente no concurso.
O concurso establece catro categorías, a primeira para os tres primeiros cursos de Primaria, a segunda para os alumnos de 4º a 6º. A terceira categoría engloba aos alumnos de Secundaria e a cuarta a de Bacharelato.
O concurso constará de dúas fases, na primeira no propio centro escolar e a segunda entre centros.
O centros interesados en sumarse a este concurso deberán facer a súa presinscrición antes do 21 de febreiro. Os premiados en cada centro estableceranse posteriormente, en función dos centros participantes.