Convocada en Gontán unha charla informativa sobre a macroplanta de biometano

TerraChaXa
A mobilización está impulsada pola plataforma Stop Biogás Abadín, co apoio doutras organizacións como o Sindicato Labrego Galego e Adega
planta-biogas
25 Feb 2026

Veciños e veciñas de Abadín están convocados a participar nunha charla informativa sobre a macroplanta de biometano, unha iniciativa promovida por colectivos sociais e ecoloxistas co obxectivo de ofrecer información rigorosa e fomentar o debate público arredor deste tipo de proxectos. A cita terá lugar o vindeiro sábado 28 de febreiro, ás 11:30 horas, na localidade de Gontán, no local do Darío, ao pé do almacén de Serafín.

Desde a organización explican que a charla contará con poñentes de primeira liña e nace da necesidade "de que a poboación dispoña de información clara e completa para poder formar unha opinión fundamentada sobre o impacto destas instalacións". Segundo sinalan, consideran fundamental "estar ben informados para defender o territorio e decidir colectivamente que modelo de desenvolvemento se quere para o concello".

Os convocantes denuncian tamén "a falta de transparencia" por parte do Concello no que respecta a este tipo de proxectos e subliñan que a información é unha ferramenta clave para empoderar á cidadanía. A charla está concibida como un espazo aberto, no que se busca que todos os sectores da sociedade estean representados e poidan participar activamente.

A mobilización está impulsada pola plataforma Stop Biogás Abadín, co apoio doutras organizacións como o Sindicato Labrego Galego e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega. Desde estes colectivos animan á veciñanza a asistir e participar, destacando que a unión e a implicación cidadá son fundamentais para afrontar este debate.

0.12892484664917