Convocada en Guitiriz unha viaxe a Puebla de Sanabria o día 10 para gozar do Nadal

O Concello de Guitiriz colabora na organización dunha excursión a Puebla de Sanabria o vindeiro 10 de decembro, xoves, co obxectivo de gozar do ambiente e da iluminación do Nadal desta localidade zamorana.
A viaxe terá un prezo de 65 euros por persoa e a saída está prevista para as 10:00 horas desde o Campo da Feira de Guitiriz. Durante o traxecto de ida realizaranse dúas paradas, unha delas para xantar nun restaurante, onde as persoas participantes poderán degustar un menú composto por queixo Afuega’l pitu con marmelada de figos, táboa de embutidos de León, pote asturiano, tarta de queixo, café e licores.
A chegada a Puebla de Sanabria está prevista arredor das 17:30 horas. Unha vez alí, dedicarase a tarde a visitar e percorrer o municipio, coñecendo os seus recunchos e gozando da súa decoración e iluminación de Nadal. O regreso iniciarase ás 20:00 horas, con outra parada en ruta. A chegada a Guitiriz está prevista arredor da 1:00 da madrugada.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa reserva ata o 4 de decembro, de xeito presencial nas dependencias do Concello de Guitiriz. Debido a que as prazas son limitadas, terán preferencia as persoas empadroadas no municipio. Para que a excursión poida levarse a cabo será necesario contar cun mínimo de 30 persoas inscritas.
Para obter máis información ou resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 982 37 01 09.