Convocada en Rábade unha nova edición do InsuaCamp

LugoXa | TerraChaXa
O prazo de inscrición estará aberto ata o 1 de xullo
insuacamp
Cartel do evento
3 Xuño 2024

Este ano volve convocarse o InsuaCAMP na Casa das Insuas de Rábade, que terá lugar do 29 de xullo ao 3 de agosto, o campo de traballo que, como todos os anos, centrarase no estudo dos quirópteros forestais e os odonatos.

O InsuaCAMP ofrece un espazo formativo a persoas interesadas en profundar en metodoloxías de estudo de diferentes grupos faunísticos e florísticos, nun dos máis extensos e mellor conservados bosques aluviais da península Ibérica: o que tapiza a conca alta do río Miño en Terra Cha, na Reserva da Biosfera Terras do Miño (Lugo). E especialmente nas insuas (illas) de Rábade, máis de 100 hectáreas de bosque e prados seminaturais nas que Morcegos de Galicia conta cunha extensa rede de caixas refuxio para morcegos.

A inscrición inclúe a comida e a cea. Non inclúe o aloxamento/almorzo, aínda que axudarán aos participantes a xestionalo do modo máis cómodo e eficiente posible. Os traballos de campo comezarán ás 10:30 e terminarán tras a mostraxe nocturna de morcegos (de madrugada).

Roberto Hermida coordinará un equipo de Morcegos de Galicia que dirixirá o traballo con quirópteros, que incluirá mostraxes con redes de néboa e trampas arpa para captura de exemplares e procesamento en man e a revisión de caixas-refuxio, marcaxe individual con transponders e seguimento dos exemplares marcados.

Morcegos de Galicia conta cunha rede de máis de 100 caixas-refuxio instalada en 2008 nas insuas do río Miño, utilizada por seis especies de morcegos. E na contorna viven moitas máis que poderemos observar durante as mostraxes nocturnas.

A coordinación do traballo con odonatos correrá a cargo de Martiño Cabana e Anxos Romeo, especialistas neste grupo zoológico, e consistirá na realización de inventarios baseados na observación de exemplares adultos e a recollida de exuvias, identificación e elaboración dunha colección de referencia.

Organizaranse grupos de traballo rotativos, de modo que todos os participantes teñan ocasión de coñecer e practicar as diferentes metodoloxías.

InsuaCAMP ofrece 12 prazas para persoas interesadas en profundar no estudo destes grupos, compartir experiencias e coñecementos con outras persoas, nun ambiente distendido, cun forte ritmo de traballo, nun espazo natural privilexiado. Conta co financiamento da Deputación de Lugo, e ten un custo de inscrición de 75 euros.

O prazo para inscribirse termina o 1 de xullo.

0.17945003509521