Convocada unha reunión coa veciñanza da rúa San Roque para abordar medidas de mobilidade

O vicealcalde e responsable da área de Mobilidade do Concello de Vilalba, Modesto Renda, convocou aos veciños e veciñas da rúa San Roque a unha reunión que terá lugar o mércores 27 de maio ás 20:00 horas na Casa da Cultura.
A iniciativa enmárcase dentro da acción denominada O vicealcalde rúa por rúa, coa que o Goberno local pretende manter un contacto directo coa veciñanza para coñecer as súas necesidades e recoller propostas de mellora.
Segundo explica o Concello, o obxectivo do encontro será explicar e contrastar coas persoas asistentes as posibles medidas municipais en materia de mobilidade urbana, ademais de escoitar de maneira individualizada as demandas e suxestións da cidadanía.
A convocatoria está especialmente dirixida ás persoas residentes na rúa San Roque e na Travesía de San Roque, ás que se anima a participar nesta sesión informativa e de diálogo para contribuír á definición de futuras actuacións na zona.
Esta acción forma parte da liña de participación impulsada pola Vicealcaldía baixo o lema Gobernar escoitando.