Convocadas axudas para plantación de frondosas e coníferas

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A finalidade é fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas unicamente con coníferas e frondosas, favorecendo a diversidade.
madeira bosque arbore
3 Feb 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas en arredor de 4.000 hectáreas de monte galego. O orzamento para esta liña de subvencións achégase aos oito millóns de euros, concretamente dous millóns para o ano 2022 e 5,75 millóns para o ano 2023.

A finalidade é fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas unicamente con coníferas e frondosas, favorecendo o aumento tanto da diversidade como da superficie forestal arborada, ao tempo que se reduce o risco de incendios mediante a valorización dos terreos forestais. Entre as coníferas que se promoven atópanse o piñeiro do país e o silvestre, mentres entre as frondosas se encontran o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira, entre outros. 

Deste xeito, na orde contémplase a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por debaixo dos 10 cm de media poidan acollerse ás achegas para transformalas en masas de coníferas ou de frondosas, incrementando deste xeito a descontinuidade e a diversidade de producións dos seus montes.

Así, poderán beneficiarse destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común pero tamén asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, comunidades de bens ou montes de varas. Tamén as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal, que coa entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia poden solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta, cos dereitos e vantaxes que implica esta figura. Tamén poden beneficiarse das achegas propietarios particulares de xeito individual.

Con estes fondos subvenciónanse os gastos de plantación forestal e a posta en marcha da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, a zona limpa de biomasa que protexe estas novas plantacións de posibles lumes. Inclúense tamén como subvencionables os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta.

Ademais, as superficies obxecto destas axudas teñen dereito a unha prima anual por hectárea para os custos de mantemento desas forestacións durante os seguintes cinco anos. Neste ano 2022 a convocatoria destas primas acadará os 4,5 millóns de euros. 

O enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220201/AnuncioG0426-291221-0003_gl.html

0.15532398223877