Convocado para o 26 de outubro o magosto Cal da Loba de San Martiño de Pino

TerraChaXa
Este ano haberá xantar medieval no local social, con cocido de época, xogos infantís, teatro e música
magosto-caldaloba-pino-portada
29 sep 2024

A Asociación Recreativa Cultural de San Martiño de Pino volverá a celebrar este ano o Magosto Cal da Loba, que será o día 26 na cuarta edición do mesmo.

Este magosto contará cun amplo programa de actividades que se iniciarán ás 10.30 horas e que comezarán cunha andaina dende a escola do Mato ata o castelo de Caldaloba coa vestimenta de época. Os participantes recibirán o título honorífico Constanza de Caldaloba.

Ao finalizar, tralo saúdo dos organizadores encargase da lectura do pregón, por Alexandra Cabana. A continuación, será o recital poético con poemas dos certames Torre de Caldalobo e a entrega do título honorífico ao MVMC Corva.

Suso Pena Regueiro será o encargado de facer unha introdución sobre a historia e os últimos achados do castelo para dar paso á entrega de premios do Certame de Debuxo Infantil A túa Caldaloba e do Certame de Caligramas Constanza de Castro, ambos foron convocados en colaboración con Culturalia GZ e Caldaloba.es co fin de reivindicar a relevancia histórica e cultural da Torre.

Este ano haberá xantar medieval no local social, con cocido de época que consistirá en callos, carne asada con patacas fritas, sobremesa e o magosto.  O xantar xunto co magosto ten un prezo de 27 euros para socios e 32 para non socios, a metade (14,50) para os menores de 12 anos e de balde para os menores de 7. Só o magosto ten un prezo de 5 euros. A inscrición pecharase o 20 de outubro.

Pola tarde tamén haberá animación, con  xogos infantís da busca do tesouro, teatro con Contos nunha lareira de Pino, por José Manuel Pena, e a música das Pandereiteiras de Caldaloba.

0.17718696594238