Convocan esta fin de semana festas en Goiriz e unha concentración de vehículos históricos

A localidade vilalbesa de Goiriz estará de festa esta fin de semana na honra de San Antonio.
As festas iniciaranse o sábado ás 13.00 horas con misa solemne e procesión, seguida dunha sesión vermú a cargo da orquestra Stéreo. Esta mesma estará na verbena xunto ao grupo Tattoo.
O domingo a celebración coincidirá coa quinta edición da Concentración de Vehículos Históricos, unha cita que reunirá afeccionados aos coches, motos e tractores clásicos nunha xornada de convivencia, tradición e lecer.
A programación dará comezo ás 10.30 horas cunha xuntanza no Hostal O Cristo de Goiriz, onde os participantes serán recibidos cun café de cortesía. Posteriormente, ás 11.15 horas, iniciarase unha ruta por Goiriz e Vilalba na que os vehículos históricos percorrerán distintos puntos da contorna.
Ao remate da ruta, ás 13.00 horas, realizarase o regreso ao campo da festa, onde terá lugar a tradicional bendición dos vehículos participantes. Media hora máis tarde celebrarase a misa da festa na honra a San Antonio.
A partir das 13.30 horas desenvolverase unha sesión vermú amenizada polo Trío Merengue, durante a que tamén haberá degustación gratuíta de produtos típicos para os asistentes.
A comida popular está prevista para as 16.00 horas e contará cun menú composto por paella, polbo, churrasco mixto, chourizos, sobremesa, café e licores. O prezo será de 35 euros por persoa, mentres que os nenos e nenas de entre 5 e 12 anos abonarán 17,5 euros. Os menores de 5 anos poderán asistir de balde.
Despois da comida realizaranse diferentes sorteos e entregaranse premios, entre eles ao participante chegado desde máis lonxe e ao vehículo máis antigo da concentración.
A xornada continuará cunha sesión musical de tarde a cargo do Trío Merengue, que actuará ata as 20.30 horas, poñendo o broche a unha cita que busca combinar a paixón polos vehículos clásicos coa promoción da convivencia e das tradicións locais.
A organización anima aos propietarios de coches, motos e tractores históricos a participar nesta concentración, que ano tras ano se consolida como un dos encontros de referencia para os afeccionados ao motor clásico na comarca.
A organización lembra que haberá carpa en caso de choiva.