Convocan un curso de reciclaxe de socorrismo en Outeiro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), abriu o prazo de matrícula nun curso de reciclaxe de socorrismo con 35 prazas que acollerá Outeiro de Rei no mes de xuño.
1 Mar 2024

A Xunta, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), abriu o prazo de matrícula nun curso de reciclaxe de socorrismo con 35 prazas que acollerá Outeiro de Rei no mes de xuño. Vai dirixido a profesionais que desenvolven a súa actividade en instalacións acuáticas e serve para renovar a inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia.

A formación será de carácter presencial, terá 16 horas de duración e impartirase os días 21, 22 e 23 de xuño en horario de mañá e tarde. Está incluída nunha convocatoria de tres cursos de reciclaxe de socorrismo publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os outros dous serán na Estrada (para persoal que exerce en instalacións acuáticas) e Sanxenxo (para socorrismo en espazos naturais).

As persoas interesadas en participar nestas accións formativas poden formalizar a inscrición ata o 11 de marzo a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

Estes cursos enmárcanse no plan de formación previsto pola Agasp para 2024 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia, entre os que figuran os profesionais do socorrismo. As prazas ofertadas para este colectivo no que vai de ano son xa 267, entre os cursos de formación específica para o acceso publicados e os de reciclaxe que acaban de convocarse.

0.060120105743408