Convocan unha misa reivindicativa para reclamar a mellora da estrada LU-170 entre Momán e Viveiro

Veciños e veciñas da comarca celebrarán o vindeiro 16 de xullo unha misa reivindicativa para denunciar o mal estado da estrada LU-170 e reclamar actuacións urxentes que garantan a seguridade das persoas usuarias desta vía autonómica. A convocatoria está impulsada polo párroco Luis Rodríguez Patiño, responsable de varias parroquias da zona, entre elas Momán e Labrada.
O acto terá lugar ás 11.00 horas no lugar do Meiriño, á altura do quilómetro 20 da LU-170, a estrada que comunica Momán con Viveiro pasando por Cabreiros. Durante a celebración relixiosa, dedicada á Virxe do Carme, os asistentes pedirán protección para todas as persoas que transitan diariamente por esta vía.
Os convocantes denuncian que a estrada presenta un avanzado estado de deterioro, con numerosos fochancas, un firme en malas condicións e problemas derivados da falta de mantemento, circunstancias que, segundo advirten, incrementan o risco de accidentes e afectan á seguridade de condutores, ciclistas e peóns.
A iniciativa chega despois de varias reclamacións realizadas nos últimos anos para demandar a mellora da infraestrutura. Os promotores da convocatoria lembran que recentemente o presidente da Xunta anunciou un investimento de 54 millóns de euros destinado á mellora das estradas de titularidade autonómica e reclaman que a LU-170 sexa incluída entre as actuacións prioritarias.
A través desta mobilización, os veciños fan un chamamento á participación cidadá para defender, de maneira pacífica e unitaria, unha estrada que consideran fundamental para as comunicacións da zona. A súa principal demanda é que a Administración autonómica acometa as obras necesarias para garantir unha vía segura, digna e en condicións axeitadas para todos os usuarios.
Os organizadores insisten en que a seguridade viaria non pode seguir adiándose e agardan que esta acción sirva para visibilizar unha problemática que afecta diariamente a centos de persoas da comarca.