Corbelle, en Vilalba, arranca as súas festas cunha degustación da empanada de mazás e bolo preñado

TerraChaXa
A organización, que a define como a máis grade de Galicia, inicia as celebracións a partir das 21.30 horas
festas-corbelle-vilalba
20 Aug 2026

A parroquia de Corbelle, en Vilalba, celebra esta fin de semana as súas festas na honra de San Bartolo cun programa que combina gastronomía, actos relixiosos, música e propostas para toda a familia.

As celebracións comezarán este venres, 21 de agosto, a partir das 21.30 horas, cunha degustación da empanada de mazás de balde, presentada pola organización como a máis grande de Galicia, acompañada de bolo preñado. A continuación terá lugar un baile coa actuación de Belinda.

O sábado, 22 de agosto, os actos comezarán ás 13.30 horas coa misa, seguida da procesión e da sesión vermú, que estará amenizada por Los Adrianos. Pola noite, a verbena contará coas actuacións de Los Adrianos e Panamá Band.

A xornada grande chegará o domingo, 23 de agosto, día do patrón. Ás 13.30 horas celebrarase a misa solemne, seguida da procesión e da sesión vermú, nesta ocasión a cargo do dúo Eclipse.

Pola tarde, a partir das 17.30 horas, o campo da festa acollerá a Festa do Neno, unha proposta pensada para os máis pequenos que contará con colchonetas, tobogán de auga e festa da escuma.

A programación das festas de San Bartolo 2026 está organizada pola Asociación de Veciños de Corbelle, coa colaboración do Concello de Vilalba e de diferentes empresas e establecementos da contorna.

0.13270092010498