Correspondencia entre Manuel María e Gabriel Aresti (I)
Por Raúl Río
Con permiso do sufrido lector e da Dirección deste periódico, quixera dar a coñecer, mediante este artigo e outros tres mais, como empezou a amizade e a relación epistolar entre estes dous grandes poetas. Sinto non haber coñecido ao poeta vasco, pero si tiven a sorte de coñecer e tratar ao poeta chairego. Trouxémolo moitas veces a Euskal Herria, á que sempre estaba disposto a vir e na que tiña grandes amigos, como o cantautor Mikel Laboa, Gabriel Celaya e a súa compañeira Amparitxu; o escritor Koldo Izaguirre, o historiador quirogués Xosé Estévez e o gran poeta éuscaro Gabriel Aresti Segurola, con quen tivo unha corta pero interesante correspondencia e unha grande amizade.
Dicíame, cando chegou a tecnoloxía dixital, os correos electrónicos e as redes sociais, que todo iso remataba con unha fonte historiográfica moi importante, como son as cartas recibidas e enviadas polo correo postal. Tenme falado, nas nosas conversas á veira da ría do Nervión, que soubera de Gabriel por medio do estudante monfortino Suso Buxan quen lle dixo que en Euskadi había un poeta moi bo e que lle deixara o primeiro libro da Trioloxía da Pedra, Harri eta herri (Pedra e pobo), que supuxo un xiro definitivo nas letras vascas e tamén afirmou isto nunha conferencia o 13 de decembro de 1985, organizada pola Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo, co gallo do décimo aniversario do pasamento do seu amigo.
Sen embargo na primeira carta a Aresti, do 3 de maio de 1969, di que llo enviou “un amigo Maxistrado que ten na Audiencia de San Sebastián e que xa lle oíra falar da súa poesía a Xesús Alonso Montero”. Sexa como fose, o libro causoulle unha gran impresión e decidiu escribirlle esa carta e enviarlle por correo postal, esa mesma mañá, “algúns libros que xa non se atopaban no mercado: Advento, Documentos personais e Mar maior, ademais de Cancións para un agromar branco i azul, de Lois Diéguez e Inquedo latexar, de Neira Vilas. Dille que teñen en prensa Terra de Ningures, de Celso Emilio Ferreiro e que non lle pode mandar un disco cos seus poemas propios, editado por EDISA, de Barcelona porque so ten un á man”.
Dille que “HARRI ETA HERRI, é para min, un libro realmente impresionante. Creo que vostede é un dos mellores poetas peninsulares, xunto con Salvador Espriu e co noso Celso Emilio Ferreiro” e remata dicindo que “Agradeceríalle me tivera ao corrente do que editan vostedes. E celebraría moito poder coñecelo persoalmente para falar largo e tendido”.
A resposta de Aresti non se fixo agardar e o 7 do mesmo mes contéstalle deste xeito: “Meu querido amigo: ¿Permíteme que o trate así? Teño que recoñecerlle vivamente as cariñosas frases que fai na súa carta á miña poesía, das cales me considero inmerecido, pero de todos modos é para min un gran alento que lle haxa gustado o meu libro. Tamén quero agradecerlle a súa delicadeza ao enviarme os seus libros, os cales lin con fruición.
Para responder á súa delicadeza permítome enviarlle varios libros meus: os dous de poesía bilingüe, un dos cales xa ten, así como as dúas miñas traducións do Catecismo do Labrego (vasca e castelán) e a edición cuadrilingüe do Meabe. Tamén lle mando, para que as garde na súa biblioteca, varias comedias. Gustaríame colaborar con vostedes máis amplamente” e, entre outras cousas, remata despedíndose: “Na espera dunha amizade máis profunda e coa seguridade dunha colaboración fecunda para os nosos dous pobos, reciba os máis sinceros saúdos”.
A relación epistolar non foi moi longa, pero si bastante intensa, pois o 18 de maio de 1969 Manuel maría contéstalle acusando recibo da súa carta e dos libros, polo que lle queda moi agradecido e que o día anterior lle mandara un disco cos seus poemas.
Dille que “me encantou LA PIEDRA VASCA. É un libro moi valente e moi fermoso. Do resto dos libros que me enviou lin, na súa versión galega, o de Meabe. No seu idioma orixinal ten que ser unha marabilla. A presentación é moi fermosa. En canto ao Catecismo do Labrego atopo moi ben ese tipo de edición. Lin a tradución castelán que, en dous lugares lle saltaron liñas. É unha pena…
O 21 saio para Porto (Portugal), en cuxa ASSOCIAÇAO DE HOMENS DE LETRAS E JORNALISTAS pronunciarei unha conferencia sobre a poesía galega actual. Volverei o día 26”.
Logo promételle que “Cando volva de Portugal enviareille o libriño de Celso Emilio Ferreiro que editamos en Monforte, TERRA DE NINGURES.
De min pouco lle podo dicir. Teño na censura poemas para facer un segundo disco coa miña voz. E en Adonais desde fai tempo, unha antoloxía que fixo Basilio Losada Castro, profesor de Galego da Universidade de Barcelona. E isto é todo ou case todo. So me resta engadir que ando a voltas con un recurso de reposición dunha multa que me puxeron en xaneiro por un recital que dei na Facultade de Ciencias políticas e Económicas de Madrid. A contía da multa e de 75.000 ptas. Fixen o recurso de súplica, de alzada e agora so me queda o de reposición”.
Antes xa fora multado con 600.000 ptas. polo poema Acuso a crase media, que non tivo que pagar, pero desta non se librou, e foi precisamente Gabriel Aresti, xunto con Salvador Espriu e o cantante Raimon, os que o apoiaron economicamente para satisfacela.
Remata a carta dicíndolle: “Non deixe de escribirme contándome cousas. Reciba un forte y fraternal abrazo de seu bo e agradecido amigo”.