Cospeito: A Ruta das Fontes

TerraChaXa
Trátase dun percorrido sinxelo e curto que comunica os cinco mananciais, con inicio e fin na Lagoa
fonte-ruta-das-fontes-cospeito
Fontes da ruta
18 Ago 2024

A ruta por excelencia de Cospeito é a Ruta da Lagoa, un percorrido sinxelo e curto nunha paraxe natural case inédita en Galicia, situada nunha das zonas húmidas máis importantes. A súa relevancia é tal que deixa un pouco apartadas a outros percorridos menos utilizados pero de gran beleza.

Unha desas rutas é a das Fontes, unha fermosa ruta na que en apenas nuns centos de metros pásase do espeso bosque de castiñeiros, carballos e bidueiros, a gozar das fermosas vistas da Terra Chá que se observan desde o alto do Miradoiro da Feira do Monte.

E para finalizar penetra ao camiñante no fermoso ecosistema que forma A Lagoa de Cospeito no que habitan centos de especies dos cinco reinos, aínda que é a fauna acuática a que atrae máis visitantes.

Do centro de interpretación da Lagoa de Cospeito sae unha ruta que comunica as principais fontes e mananciais que rodean este ecosistema. No traxecto que une o Centro de Interpretación co observatorio de aves atópase a Fonte da Lagoa, a primeira das cinco que se verán ao longo do camiño.

A lagoa de Cospeito está rodeada por unha senda circular duns 3 quilómetros na que hai catro observatorios de aves. Desde estas torres de madeira pódense ver e escoitar as especies acuáticas que elixen a lagoa como refuxio.

Seguindo antigas vereas achegarémonos á Fonte de San Paio, en Sistallo. Preto dela, atoparemos no medio dunha carballeira a Capela de San Paio dos Redos. Esta pequena igrexa foi trasladada desde a súa antiga situación, sobre o Castro de San Paio e reedificada no ano 1968 neste lugar.

Antes de seguir camiño podemos visitar tamén o Pazo de Sistallo, que non queda moi lonxe e despois podemos volver á ruta circular.

Á volta, o camiño pasa por diante do Museo das Aves de Cospeito, edificio municipal dedicado á divulgación e conservación das especies aladas que proliferan neste territorio. Para coñecelo é necesario programar a visita.

A ruta penetra no bosque ata a Fonte de Felín e continúa ata a Fonte da Ramalleira, esta separada do itinerario circular, que se deixará uns centros de metros antes de volver ao percorrido circular polo mesmo camiño para chegar á última fonte do itinerario, que está envolta pola lenda e a tradición xacobea. Trátase da Fonte da Virxe. Nela din que ao chegar á Feira do Monte, moitos peregrinos paraban para asearse antes de seguir camiño a Compostela.

Logo de visitar esta fonte chégase de novo ao lugar de inicio.

0.18210077285767