Cospeito conmemora o 25N cun programa de obradoiros socioeducativos e unha representación teatral

TerraChaXa
A programación comezará o luns 23 de novembro, ás 11.00 horas, na Casa da Cultura de Feira do Monte, coa representación de 'Golpes', un espectáculo interpretado por Estíbaliz Veiga
proograma-25N-cospeito
21 Nov 2026

O Concello de Cospeito desenvolverá diferentes actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha programación centrada na prevención da violencia de xénero e na sensibilización desde as idades máis temperás.

As propostas inclúen obradoiros socioeducativos nos centros escolares do municipio e unha representación teatral aberta á cidadanía.

A programación comezará o luns 23 de novembro, ás 11.00 horas, na Casa da Cultura de Feira do Monte, coa representación de Golpes, un espectáculo interpretado por Estíbaliz Veiga, con dirección de Xosé Leis e produción de Bernardino Martínez. A actividade busca achegar ao público a realidade da violencia machista a través das artes escénicas.

O mércores 25 de novembro, as actividades trasladaranse ao CPI Virxe do Monte. Ás 9.30 horas desenvolverase o obradoiro Cambiamos o conto, dirixido ao alumnado de primeiro e segundo de Educación Primaria, no que se dará unha nova perspectiva aos contos tradicionais para inventar historias e fomentar a imaxinación.

Ás 11.00 horas será a quenda de Quero non quero!, destinado ao alumnado de primeiro e segundo da ESO. A través desta actividade traballarase a expresión dos sentimentos, a defensa dos límites persoais e o respecto cara ás demais persoas, incidindo na importancia de aprender a dicir «non».

A programación continuará o xoves 26 de novembro no CEIP Plurilingüe de Muimenta. Ás 12.15 horas terá lugar o obradoiro Medios de co...educación?, dirixido ao alumnado de Educación Primaria, no que se analizarán as etiquetas e os estereotipos a través do xogo.

Con esta programación, o Concello de Cospeito aposta pola educación e a sensibilización como ferramentas fundamentais para previr a violencia de xénero, promover a igualdade e fomentar a reflexión tanto nos centros educativos como no ámbito familiar.

0.14577698707581