Cospeito destinará as axudas de impacto paisaxístico á remodelación dun lavadoiro
O Concello de Cospeito recibe unha das axudas da Xunta para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios municipais que destinará a un lavadoiro do municipio construído en formigón no que se acometerán obras de embelecemento.
Prevese pavimentar o perímetro con pedra, revestir o tanque de auga con morteiro e substituír a cuberta por outra con piares de pedra, estrutura de madeira e lousa, así como mellorar a explanada de acceso, cunha superficie de más de 120 metros cadrados.
Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de 2022 das entidades locais da liña de apoios destinada a instaurar o fermosismo, para avanzar na loita contra o feísmo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Esta orde de axudas recolle dúas liñas de actuación. A primeira subvenciona obras para emendar o impacto negativo que causan sobre a contorna edificacións nas que se prestan servizos municipais, e acolléronse a ela os concellos de Baralla, Cervo, O Corgo, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Trabada, que reformarán depósitos de auga, polideportivos, antigas escolas ou dotacións culturais, entre outras instalacións.
A segunda liña está pensada para mellorar equipamentos públicos propiedade dos concellos, con especial fincapé nos elementos etnográficos como hórreos, fontes ou lavadoiros. Na provincia apoia o citado proxecto de Cospeito e outros en Barreiros, As Nogais, Chantada, Pantón, Portomarín e Sober. Pola súa banda, Begonte obtivo achegas polos dous conceptos, xa que prevé actuar sobre a antiga escola municipal e sobre unha fonte e un lavadoiro.
As achegas poden acadar o 70% do custo estimado, cun máximo de 20.000 euros por cada liña, e as actuacións deben adaptarse aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia ou aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.