Cospeito estrea un novo mural urbano para reivindicar a igualdade e loitar contra a violencia de xénero

O Concello de Cospeito presentou o seu terceiro mural de arte urbana, unha obra situada na Feira do Monte que nace co obxectivo de visibilizar a fortaleza das mulleres do rural e promover unha sociedade baseada no respecto, na igualdade entre mulleres e homes e no rexeitamento de calquera forma de violencia.
A intervención artística foi realizada polo colectivo Concepto Circo e financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O mural ocupa un espazo estratéxico no centro da localidade, na confluencia das rúas Cervantes e Curros Enríquez, unha zona de grande tránsito diario para veciños e veciñas de todas as idades.
A obra, de inspiración picassiana, representa a mirada das mulleres que viven e traballan no rural, sostendo coa súa actividade cotiá a vida nos pobos. A composición transmite unha mensaxe clara de compromiso coa igualdade real e coa erradicación de calquera tipo de violencia, destacando o papel activo das mulleres de Cospeito na construción dunha sociedade máis xusta.
Os autores apostaron por unha paleta de cores vibrantes para captar a atención da cidadanía e transmitir forza, enerxía e determinación. As protagonistas do mural aparecen representadas como mulleres poderosas, decididas e comprometidas cos valores da igualdade.
Desde o Concello sinalan que a iniciativa pretende lanzar unha mensaxe de esperanza ás vítimas de violencia, lembrándolles que existen recursos e apoio social para saír desa situación. Ao mesmo tempo, busca concienciar á sociedade de que a loita contra a violencia de xénero é unha responsabilidade colectiva e que non se pode permanecer indiferente ante as inxustizas.
Na presentación da obra participaron os artistas Manu “Joe33” e Marcos Pereira, integrantes de Concepto Circo, acompañados polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e pola traballadora social Ana Belén Iglesias, responsable do proxecto. Durante o acto, o Concello agradeceu o traballo realizado polos creadores, destacando a súa capacidade para plasmar a sensibilidade e a realidade das mulleres do municipio e transformar un espazo público nun lugar de reflexión e sensibilización social.
Con esta actuación, Cospeito continúa apostando pola arte urbana como ferramenta de transformación social e de promoción de valores como a igualdade, o respecto e a convivencia.