Cospeito organiza un obradoiro de elaboración de candeas de cera de abella en diferentes parroquias do municipio

TerraChaXa
Todas as sesións terán un horario de 17:00 a 19:00 horas e as prazas serán limitadas por orde de inscrición
obradoiro-de-candeas-cospeito
19 May 2026

O Concello de Cospeito porá en marcha un obradoiro de elaboración de candeas de cera de abella, unha actividade artesanal e sostible coa que se busca achegar á veciñanza o proceso tradicional de creación deste tipo de candeas naturais.

A iniciativa permitirá ás persoas participantes aprender diferentes técnicas de inmersión, moldeado e enrolado de láminas para elaborar as súas propias candeas de cera de abella, coñecendo ademais un método ancestral ligado á artesanía e aos produtos naturais.

Desde o Concello destacan que se trata dunha experiencia pensada para conectar coa natureza e fomentar a creación manual de produtos útiles, sostibles e con valor artesanal. Ao remate de cada sesión, os asistentes poderán levar para a casa as creacións realizadas durante o taller.

O obradoiro desenvolverase en distintas localizacións do municipio ao longo do mes de maio. A primeira sesión terá lugar o venres 22 na Escola de Xermar. O luns 25 celebrarase na Casa da Cultura da Feira do Monte, mentres que o mércores 27 será a quenda da Casa da Cultura de Muimenta. A última cita desenvolverase o venres 29 na Escola de Pino.

Todas as sesións terán un horario de 17:00 a 19:00 horas e as prazas serán limitadas por orde de inscrición.

As persoas interesadas poden anotarse a través do teléfono 982 520 001 ou do correo electrónico servizosociais@concellodecospeito.es. O taller está organizado polo Concello de Cospeito e será impartido por Osventos.

0.12105202674866