Cospeito presenta a XXXVII Feira do Porco da Ceba, que se celebrará o 28 de novembro

O Concello de Cospeito presentou hoxe a programación da XXXVII Feira do Porco da Ceba, unha das citas tradicionais do calendario festivo e gastronómico do municipio, que terá lugar o sábado 28 de novembro cunha xornada que combinará actividades deportivas, gastronomía, mercado de produtos locais, música e a tradicional exposición e concurso de porcos da ceba.
A feira abrirá o recinto ás 8.00 horas e, a partir das 9.30 horas, desenvolveranse actividades deportivas no pavillón municipal de deportes. Ás 11.00 horas está prevista a apertura dos postos da III Feira Gastronómica, que incluirá un showcooking pig con degustación de produtos típicos do porco e maridaxe con bebidas galegas, así como un master class de vermú con degustación. Durante a mañá tamén haberá mercado de produtos locais, postos de porco celta e actuacións musicais a cargo de Asubíos da Chaira.
A entrega de premios do concurso de porcos da ceba celebrarase ás 14.30 horas. Ás 15.00 horas terá lugar o sorteo dunha cesta de Nadal e a entrega dun agasallo doado por Facenda Farruquiño.
A programación rematará ás 20.30 horas co Festival de Música: Encontro de Sons Cospeito soa. A cultura une, unha iniciativa coa colaboración da Coral Polifónica Municipal Virxe do Monte.
No apartado gastronómico, o showcooking de porco da ceba 2026 contará cun menú de catro pases, un líquido e tres sólidos. A proposta inclúe caldo galego ao miso vermello, empanadilla de lacón e grelos con queixo San Simón da Costa, dumpling de porco da ceba con crema de pementa e coco e carrilleiras melosas ao mencía con parmentier de coliflor e perlas de allo negro.
Pola súa banda, no concurso de porcos da ceba establece que poderán participar exemplares de calquera raza sempre que os seus propietarios residan na provincia de Lugo. Cada concursante poderá presentar o número de animais que desexe e todos os exemplares deberán estar debidamente identificados. Cada porco participará a título individual, sen que poidan levar máis dun premio exemplares do mesmo propietario.
A feira abrirá ás 8.00 horas e os animais deberán acceder ao recinto feiral antes das 10.30 horas do 28 de novembro. Os criterios de valoración técnica serán establecidos por un xurado composto por polo menos tres facultativos veterinarios, cuxa decisión será inapelable.
En canto aos premios, o primeiro estará dotado con 150 euros, doados por Zoogando e C.B. Comercial Veterinaria; o segundo recibirá 120 euros, achegados por Piensos Pascual e o seu distribuidor en Vilalba, Productos Agrícolas O Santo S.L.U., baixo o lema «San Esteban de Árbol - Vilalba». O terceiro premio, de 80 euros, e os correspondentes ao cuarto, quinto, sexto e sétimo postos, de 50 euros cada un, contan coa colaboración de distintos establecementos hostaleiros da localidade.
A entrega de premios terá lugar ás 14.30 horas no propio recinto feiral. Ademais, os mellores exemplares recibirán un agasallo para cada gandeiro e instalarase unha carpa na Praza da Feira.