Cospeito repartirá de balde lentes homologadas para seguir con seguridade a eclipse do 12 de agosto

O Concello de Cospeito iniciará este mércores, 5 de agosto, o reparto gratuíto de lentes homologadas para observar con seguridade a eclipse prevista para o vindeiro 12 de agosto.
As lentes están destinadas ás persoas empadroadas no municipio e poderán recollerse na Casa do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres, ata esgotar as existencias, xa que o número de unidades dispoñibles é limitado.
Desde o Concello lembran que observar o Sol sen a protección axeitada pode provocar lesións oculares graves e irreversibles, mesmo tras unha exposición de poucos segundos. Por iso, insisten na importancia de utilizar exclusivamente lentes homologadas para seguir este fenómeno astronómico.
Con esta iniciativa, a administración local busca facilitar que a veciñanza poida desfrutar da eclipse nas condicións de seguridade recomendadas.