Cousas Nosas celebrará o seu 30 aniversario cun xantar de verán cheo de actividades e sorpresas

TerraChaXa
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata este martes, 30 de xuño
30-aniversario-cousas-nosas
29 Jun 2026

A asociación Cousas Nosas de Cospeito conmemorará o seu 30 aniversario o vindeiro 5 de xullo cun xantar de verán que terá lugar na antiga Cámara Agraria a partir das 13.30 horas. A celebración servirá para reunir socios, familiares e amizades nunha xornada especial marcada pola convivencia e a homenaxe ás tres décadas de traxectoria da entidade.

O programa arrancará cunha sesión vermú acompañada dun aperitivo de empanada antes do xantar, que contará cun menú composto por ameixas á mariñeira, polbo con cachelos, costela asada con ensalada e sobremesas formadas por brazo de xitano, queixo e xeado. A comida completarase con pan, bebida, café e licores.

A organización anuncia ademais diversas actividades e sorpresas ao longo da xornada para celebrar unha data tan significativa para a asociación, que alcanza tres décadas de actividade mantendo o seu compromiso coa dinamización social e cultural.

Os prezos establecidos son de 25 euros para socios e socias, 40 euros para persoas non asociadas e 17 euros para nenos e nenas de entre 7 e 11 anos, mentres que os menores de seis anos poderán asistir de balde.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata este martes, 30 de xuño. A cita preséntase como unha ocasión especial para compartir recordos, fortalecer lazos e celebrar os 30 anos de historia dunha entidade que continúa sendo un referente para os seus integrantes.

0.088772058486938