Covid e saúde mental
Por Julio Díaz
A pandemia que vivimos acaba de poñer de manifesto, incluso de moda, todo o referido a saúde mental dos nosos rapaces e tamén de nos mesmos. De feito, permite que os temas referidos a esta cuestión, ocupen as primeiras páxinas da maioría dos medios de comunicación, sendo unha constante as continuas disertacións de boa parte de nosos dirixentes que, de forma aberta e directa, tratan sobre a saúde mental. Temos que recoñecer que dous anos de pandemia conseguiron mais que todo o esforzo de décadas de loitas e reivindicacións dos profesionais e das familias das persoas afectadas.
A saúde mental dos mozos españois de entre 15 e 19 anos sufriu un violento revés nos derradeiros dous anos. Os problemas relacionados ca saúde mental pasaron dun 9,5% no ano 2019 ao 17,7% no 2021. Hai que ter en conta que, antes da crise do Covid-19, neste sector da poboación era onde menos se detectaba a idea de suicidio, pero agora, pola contra, encabeza o grupo que con maior frecuencia posúe este tipo de pensamento suicida, pasando dun 5,5% no 2019 ao 12,3% no 2021, no grupo de idade de 15-19 anos, e do 6,3% no 2019 ao 9,2% no 2021, no de 20 a 24 anos. Estes datos son algunhas das conclusións do Barómetro Xuvenil de Saúde e Benestar da Fundación Mutua Madrileña, realizado en España entre os mozos de 15 a 28 anos. Neste estudo constátase ademais a percepción que este grupo poboacional ten respecto o empeoramento da súa saúde física e metal nestes derradeiros anos. Este feito, debe espertar en nos, os docentes, unha alerta constante na vixilancia dos seus estados de ánimo. Nestes últimos anos o deterioro da saúde mental que, por diferentes motivos, xa estaban sufrindo on nosos mozos, foi de repente incrementado e acentuado dun xeito notable pola chegada do Covid-19. Pero eles, ademais, víronse afectados por graves aspectos colaterais á propia pandemia como o peche dos seus centros educativos, o medo ao contaxio, as constantes noticias sobre falecementos, as enfermidades no entorno familiar e incluso mortes, a imposibilidade de actividade física no exterior… Todo isto provocou un cambio substancial nas súas vidas: excesivo tempo na casa, moitas delas diante da tele e das “maquiniñas”, sempre co móbil na man, con unha dependencia obsesiva das redes sociais e case nulo contacto co exterior e cos seus compañeiros.
Durante o confinamento desapareceu de feito o contacto directo con amigos, profesores, monitores deportivos, traballadores sociais… facendo que o número de consultas de saúde mental, mesmo de ingresos psiquiátricos, infantís e xuvenís, aumentaran de forma exponencial, acentuando e agravando os problemas que xa se sufrían antes do Covid-19.
Somos os propios docentes os que, a pesar da escasa preparación recibida para detectalos, observamos mais ansiedade, depresión, agresividade, estres e trastornos de conduta alimentaria nos nosos alumnos. Isto require unha urxente intervención das administracións educativas para lograr un amplo e consensuado Plan de Saúde Mental Escolar que minimice os devastadores efectos da pandemia que voltou do revés o equilibrado, pero á vez fráxil quebracabezas, que intentamos manter nos nosos centros educativos no referente a saúde mental e a convivencia dos nosos rapaces. É por tanto indispensable deseñar e executar estratexias e programas baseados na prevención, avaliación e intervención nos avanzados trastornos mentais que os docentes observamos como se agudizan día a día de forma incesante e alarmante.
A pandemia visibilizou os retos os que debemos enfrentarnos respecto a saúde mental dos nosos alumnos. É imprescindible que adoptemos medidas e que establezcamos estratexias para proporcionar ó alumnado un benestar emocional adecuado que pouco a pouco borre as fendas que a pandemia xerou.