Crean dez novas prazas de atención dual no complexo de Castro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
Fabiola García salientou que con elas as prazas públicas de atención dual en Galicia increméntanse nun 10% ata chegar ás 110
prazas trastorno dual castro de rei
2 Dec 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, salientou nunha visita ao complexo asistencial de Castro de Rei a creación polo Goberno galego de dez novas prazas de atención a persoas con trastorno dual por un importe de 230.000 euros anuais. Esta é a primeira unidade de atención dual, un servizo que atende a persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental, da provincia de Lugo.

Fabiola García subliñou a importancia da creación destas novas prazas, dunha tipoloxía moi específica, xa que requiren de moitos medios técnicos e de persoal altamente cualificado en disciplinas como a psiquiatría, a fisioterapia, a psicoloxía ou a terapia ocupacional, entre outras.

Neste sentido, destacou que con esta decisión se está a dar resposta a unha demanda no eido da atención á discapacidade. Deste xeito, o investimento achegado polo Goberno galego permite incrementar nun 10% as prazas de atención a persoas con trastorno dual en Galicia ata chegar ás 110.

Ademais, a conselleira de Política Social puxo en valor a colaboración da Administración autonómica con entidades sociais como Fudace e Cruz Vermella, que xestionan este complexo e que traballan a diario na atención a persoas con discapacidade, ademais de ofrecer apoio continuo aos seus familiares.

0.092160940170288