Cristina Castaño suma o seu nome ao Paseo do Cine de Lugo nunha homenaxe á súa traxectoria

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
A actriz nacida en Vilalba foi recoñecida pola 48ª Semana de Cine de Lugo, nun acto no que tamén participou o Concello da súa vila natal
Cristina-Castaño-Paseo-do-Cine-de-Lugo-26
25 Sep 2026

Cristina Castaño xa forma parte do Paseo do Cine de Lugo. A actriz nacida en Vilalba foi homenaxeada na 48ª Semana de Cine de Lugo, nun recoñecemento á súa traxectoria no cine, a televisión, o teatro e o musical. A placa co seu nome foi descuberta tras a recepción institucional celebrada no Concello de Lugo, nun acto no que tamén estivo representada a súa vila natal.

A homenaxe converteuse nun reencontro da intérprete coas súas raíces e nun recoñecemento a unha carreira profesional construída ao longo de máis de dúas décadas. Cristina Castaño mostrouse especialmente emocionada por recibir esta distinción na súa terra e destacou o orgullo que lle supón que o seu nome quede ligado tamén a Lugo.

Durante a recepción, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, trasladoulle o recoñecemento da cidade e destacou o seu percorrido profesional. "Hoxe síntome unha privilexiada por poder trasladarche unhas palabras de recoñecemento e admiración absolutamente sinceras", sinalou. Candia puxo en valor unha carreira marcada, segundo indicou, polo talento, o esforzo e a constancia, e engadiu que "o teu legado queda xa aquí, e temos entre todos a obriga de darlle visibilidade".

Pola súa parte, a deputada de Cultura, Iria Castro, sinalou o acerto da homenaxe “pois Cristina Castaño é unha actriz que leva o nome da provincia alá por onde vai, desexando que teña moitos máis éxitos no futuro”. Destacou, ademais o labor do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, organizadores da Semana de Cine de Lugo “que fai provincia e País tamén coas súas homenaxes, elixindo persoas de diversos concellos e comarcas, con esforzo e agarimo”.

A placa de Castaño é a número 18 deste Paseo do Cine de Lugo, unha iniciativa que se puxo en marcha no ano 2019 co apoio da Vicepresidencia da Deputación, e súmase ás outras dúas colocadas nesta 48 edición da Semana de Cine de Lugo que homenaxean o Festival de Cine de Astorga e a tamén actriz Benedicta Sánchez.

A incorporación da placa ao Paseo do Cine deixa desde agora o nome da actriz vinculado a este espazo dedicado a figuras relacionadas coa cultura cinematográfica.

 

Vilalba acompañou á súa actriz homenaxeada

O Concello de Vilalba tamén estivo presente no acto institucional a través do segundo tenente de alcaldesa, Eduardo Vidal, que acompañou Cristina Castaño tanto durante a homenaxe no salón de plenos do Concello de Lugo como no descubrimento da placa.

A representación municipal quixo destacar o vínculo que a actriz mantén coa súa vila natal e o orgullo que supón para Vilalba a súa traxectoria profesional. Durante a súa intervención, Eduardo Vidal afirmou que "Cristina leva Vilalba consigo, pero Vilalba tamén a leva a ela", e engadiu que "hai persoas que nacen nun lugar e hai persoas que, ademais, levan ese lugar consigo. Cristina é unha desas persoas".

O representante municipal tamén salientou que, a pesar de que a súa carreira a levou por diferentes lugares, a actriz continúa mantendo presente a súa orixe. "Para unha vila, que unha persoa nacida nela consiga construír unha traxectoria como a de Cristina e siga recoñecendo as súas orixes ten un valor enorme", asegurou.

Vidal trasladoulle igualmente a felicitación de Vilalba polo recoñecemento e agradeceulle "seguir falando de Vilalba con ese orgullo". "Sentímonos moi orgullosos de verte aquí, de ver recoñecida a túa traxectoria e de saber que, cada vez que o teu nome aparece nun escenario ou nunha pantalla, tamén hai un pequeno anaco de Vilalba que viaxa contigo", afirmou.

Recoñecemento ao traballo de Fonmiñá

O segundo tenente de alcaldesa aproveitou tamén a súa participación para poñer en valor o labor do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, presidido por Xulio Xiz, tamén natural de Vilalba, e a continuidade da Semana de Cine de Lugo, que este ano alcanza a súa 48ª edición.

Neste sentido, agradeceu que a entidade manteña durante case cinco décadas esta cita cultural e que continúe ofrecendo un espazo para "recoñecer o talento, crear memoria e achegar a cultura cinematográfica á sociedade".

Para o Concello de Vilalba, a incorporación de Cristina Castaño ao Paseo do Cine supón tamén un recoñecemento á traxectoria dunha actriz que naceu na vila e que mantivo presente o seu nome ao longo da súa carreira. "Hoxe Lugo pon o teu nome no Paseo do Cine e, desde Vilalba, sentimos esta placa tamén como un motivo de orgullo", destacou Vidal.

"A partir de agora, cando alguén pase por este lugar e vexa o teu nome, tamén estará vendo, dalgún xeito, o nome da capital da Terra Chá", engadiu antes de concluír cunha felicitación á actriz: "Cristina, parabéns por este recoñecemento. Vilalba está moi orgullosa de ti".

0.14373707771301