Cruce de acusacións entre PSOE e PP polo aniversario do centro sociocomunitario de Vilalba
O Concello de Vilalba denunciou "unha vez máis a ausencia de respecto e cortesía institucional por parte de Xunta e do PP, xa que nin a alcaldesa nin ningún representante do grupo de goberno recibiron un convite" para asistir ao XXXVI aniversario do Centro Sociocomunitario de Villaba.
“É unha situación inconcebible e non é a primeira vez que pasa, é unha mágoa que se faga un uso partidista dun acto tan emotivo como este, no que se homenaxeaba aos colectivos de voluntarios que participan nos diferentes programas do centro”, afirma Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.
Segundo indican nin a Delegación da Xunta en Lugo nin o director do centro, José Antonio Pita, ex concelleiro do Partido Popular e membro actual da executiva local do PP, cursaron unha invitación ao acto aos representantes do grupo do goberno no concello. “Gustaríame saber se a actual voceira e presidenta do PP en Vilalba, Sandra Vázquez, foi coñecedora desta situación e avala este proceder”, engadiu a rexedora.
“A miña felicitación polo aniversario a usuarios, traballadores e persoas voluntarias, aos que enviei 36 rosas para darlles a noraboa, pero lamento que nin dirección do centro nin a Delegación da Xunta tiveran a ben invitarme a participar, como representante de todos e todas as vilalbesas, nos actos de celebración”, apunta Veleiro.
“Os representantes públicos debemos dar exemplo, é unha mágoa que reiteradamente se falte ó respecto institucional a este concello e os seus representantes, e que se faga electoralismo político de institucións públicas que nos pertecen a todos os cidadáns”, remata a alcaldesa de Vilalba.
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, a presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, lamenta que “a alcaldesa empregue as redes sociais institucionais do Concello para facer oposición á oposición”, un feito que considera “unha mostra de nerviosismo”.
Vázquez cre que “a alcaldesa confunde totalmente os actos organizados pola Xunta, os organizados polo Concello e os que organiza outra entidade”. A portavoz do Grupo Municipal Popular entende que o acto de aniversario do centro sociocomunitario contou coa participación dos representantes do propio centro e da administración da que depende, a Xunta de Galicia, “non representantes políticos”. De feito, defende que “o acto se centraba en recoñecer o traballo dos voluntarios, monitores e entidades colaboradoras e a importancia que ten para os seus 200 usuarios a súa actividade”.
A popular lembra que “teñen vido a Vilalba gobernantes doutras administracións como é o caso do presidente da Deputación de Lugo sen que o Concello convidara aos representantes dos distintos grupos municipais, pero non protestamos desta forma como fai a alcaldesa”.
Vázquez lembra, pola contra, “varios desplantes da alcaldesa, como máxima representante do Concello e dos vilalbeses, aos representantes da Xunta”. Sinala, por exemplo, que “a consellería de Sanidade convidouna ao acto de presentación do Plan de saúde local, un instrumento para estudar a forma de mellorar a asistencia no centro de saúde de Vilalba e a calidade de vida dos pacientes; pero non asistiu nin Veleiro nin ningún outro membro do goberno local. E o mesmo sucedeu cando se achegou o conselleiro a presentar o plan no propio centro de saúde de Vilalba, onde ademais traballan os seus compañeiros do ámbito sanitario. Isto si que demostra a falta de implicación do goberno municipal co benestar dos vilalbeses”.
“O mesmo sucedeu cando o delegado territorial a convidou a participar na visita para comprobar as obras de mellora da estrada de acceso ao colexio de Román para as que a Xunta aportou máis de 88.500 euros: tampouco asistiu”, engade.
Para a popular as queixas da alcaldesa demostran que “o goberno local está moito máis preocupado polo traballo que está a facer a Xunta de Galicia que por atender as súas propias responsabilidades” como é o caso da elaboración do presuposto municipal, dar explicacións aos veciños sobre o plan de mobilidade ou sobre a perda de subvencións. “Se realmente estiveran preocupados polos problemas dos veciños, daríanlles solución”.