CSIF leva aos concellos de Lugo un protocolo para previr as condutas suicidas nas Policías Locais

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O sindicato reclama que a protección da saúde mental forme parte da prevención de riscos laborais destes profesionais con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
Policia_Local_Ourense
7 Oct 2026

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) presentou nos concellos da provincia de Lugo nos que conta con representación nas plantillas da Policía Local un protocolo específico para previr problemas de saúde mental e condutas suicidas entre estes profesionais.

A iniciativa, baixo o lema «A túa vida importa. Tamén detrás do uniforme», coincide coa celebración este sábado, 10 de outubro, do Día Mundial da Saúde Mental. CSIF reclama que os concellos incorporen de maneira efectiva a saúde mental ás súas políticas de prevención de riscos laborais e que dispoñan de ferramentas adaptadas ás características e necesidades das Policías Locais.

O protocolo establece catro ámbitos de actuación: prevención, detección, acompañamento e protección. Entre os seus obxectivos está facilitar a identificación temperá das situacións de risco e establecer mecanismos para acompañar os profesionais durante os procesos de atención e recuperación.

O sindicato advirte de que os axentes da Policía Local están expostos a diferentes factores que poden afectar ao seu benestar psicolóxico, como intervencións en situacións violentas ou especialmente duras, accidentes graves, conflitos, presión profesional, traballo a quendas ou dificultades para a conciliación. A estes factores engádese o temor ao estigma ou ás posibles consecuencias profesionais, que pode dificultar que os axentes pidan axuda cando a necesitan.

CSIF considera necesario que as Policías Locais conten con medidas específicas neste ámbito, como xa sucede noutros corpos de seguridade. A campaña fora presentada anteriormente a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a súa difusión en todo o Estado. Agora, o sindicato traslada directamente o protocolo aos concellos lucenses con Policía Local nos que ten representación, coa finalidade de que poida converterse nunha ferramenta útil para os responsables municipais, os servizos de prevención e os propios cadros de persoal.

Para CSIF, protexer a saúde laboral implica tamén anticiparse aos problemas de saúde mental, favorecer a súa detección temperá e garantir que solicitar axuda non supoña un estigma para os profesionais.

O sindicato lembra, ademais, que o 024, a Liña de atención á conduta suicida, é un servizo estatal, gratuíto, confidencial e dispoñible as 24 horas do día durante os 365 días do ano. Está dirixido tanto a persoas con pensamentos ou risco de conduta suicida como aos seus familiares e achegados. En situacións de emerxencia vital inmediata, debe contactarse directamente co 112.

0.16078615188599