David Valverde Cabaleiro será o pregoeiro da XXXV Festa da Filloa de Muimenta

TerraChaXa
O pregoeiro desta edición mantén tamén vinculación coa comarca, xa que o pasado mes de decembro participou no Festival Solidario organizado polos Asubíos da Chaira en Cospeito
david-valverde-periodista
17 Apr 2026

A XXXV edición da Festa da Filloa celebrarase o vindeiro venres 1 de maio en Muimenta, no concello de Cospeito, cunha nova cita que volverá reunir a centos de visitantes arredor desta tradición gastronómica xa consolidada na comarca.

O encargado de pronunciar o pregón nesta edición será o xornalista David Valverde Cabaleiro, actual presentador do Telexornal Fin de Semana da Televisión de Galicia. Nado en Vigo e criado en Baiona, Valverde conta cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da comunicación.

Formado en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, desenvolveu a súa carreira en medios como Canal Rías Baixas, Televisión Española, Radio Marca Vigo e a propia TVG, onde participou tanto en informativos como noutros formatos. Ademais, exerceu como ‘speaker’ en diversos eventos, especialmente de carácter deportivo.

O pregoeiro desta edición mantén tamén vinculación coa comarca, xa que o pasado mes de decembro participou no Festival Solidario organizado polos Asubíos da Chaira no Concello de Cospeito. Deste xeito, toma o relevo do actor galego Denís Gómez, encargado do pregón na pasada edición.

O acto terá lugar o propio 1 de maio a partir das 13:30 horas no recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta, un dos momentos centrais dunha xornada festiva que combina tradición, gastronomía e dinamización social.

A organización da Festa da Filloa corre a cargo da Asociación de Empresarios de Muimenta, a través das comisións da Moexmu, e conta coa colaboración do Concello de Cospeito, da Deputación Provincial de Lugo —a través das áreas de Turismo e Cultura—, da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, de Caixa Rural e de numerosas empresas e particulares.

0.11462306976318