Decisións
Por Marta P. Fandiño
Aínda que o sol non parece ter moita intención de saír xa temos aquí o verán co seu fin de curso, notas incluídas. Parece que só pasaron días dende que en setembro comezaba a organizar horarios e ver como me plantexaba este ano e, supoño que será que me fago maior, pero cada ano que pasa, vánseme máis rápido os trimestres e os cursos.
Este ano, novamente, tiven a sorte de compartir algún tempo con rapaces de segundo de bacharelato, algúns xa estiveran comigo outros anos, outros chegaron a metade de curso coa sensación de que “non chegaban” de que por moito que estudaban os resultados non eran os esperados e coa inquedanza de que a ABAU (antiga selectividade) era unha proba demasiado esixente para eles. Algúns incluso tiñan moi claro que o mellor era plantalo todo e intentalo o ano que ven con máis calma.
Unha das cousas que máis me gustan do meu traballo e que sempre aprendo algo das persoas que pasan pola miña consulta. No caso dos rapaces, gústame adicar os primeiros minutos a falar con eles de cousas da súa vida, sen interrogalos, só escoitalos, saber que pensan, a que teñen medo, que lles ilusiona... Xa fai tempo que considero que estes minutos de conversa informal que en principio só vale para establecer un clima de confianza é algo vital para coñecelos e saber de verdade, como se atopan. Aprendín que lendo entre liñas neses momentos poido axudalos moito máis do que eu pensaba.
Con estes rapaces os primeiros minutos de cada sesión falamos moito de futuro, de estudos, de saídas profesionais, de como escoller que facer o ano que ven... É nestes momentos onde se ve que aínda que transitan entre dous mundos están xa a piques de deixar a adolescencia. E como sempre que estamos a piques de comezar algo novo, aparecen medos, quizais o máis recorrente sexa o medo a equivocarse, a pensar que o que quixeron e polo que se esforzaron estes últimos anos non é o acertado. Chegados a este punto sempre lles digo que aínda que hai mil probas de orientación vocacional, non hai nada que asegure que a elección que se tome é a axeitada. Para iso o mellor é que se paren a pensar, de verdade, que é o que queren facer, deixando de lado outros condicionantes. Un dos elementos que máis presión exerce e que moitas veces transmitimos sen darnos conta, é o das “saídas profesionais”, entendo que por suposto, é algo que hai que valorar, pero non debería ser o único. O que hoxe é seguro, mañá igual non o é.
Outro medo é o de equivocarse. En realidade non sería o primeiro caso ¿De verdade aos 18 anos estamos preparados para tomar este tipo de decisións? Eu cada vez o vexo máis difícil por iso sempre insisto en que é importante decidir baseándonos no coñecemento que temos de nos mesmos, dos nosos intereses, expectativas... ¿E se cambio de estudos é tempo perdido? Non, non o é, é unha aprendizaxe. O éxito non debería medirse polos anos que nos levou rematar algo.
Si, durante este curso pasamos por todos os estados de ánimo pero ao final, chegou a calma. Desfrutemos do verán.