Declaran dúas novas zonas de concentración parcelaria en Outeiro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
O Consello da Xunta aprobou as reestruturacións parcelarias da zona de Arcos (Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar) e de San Fiz de Paz.
outeiro de rei san fiz de paz
26 Mar 2021

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal os dous decretos da Consellería do Medio Rural polo que se declaran de utilidade pública as reestruturacións parcelarias da zona de Arcos – Sobrada de Aguiar – San Lourenzo de Aguiar e da zona de San Fiz de Paz, ambas no concello lugués de Outeiro de Rei. Así, uns 833 propietarios veranse beneficiados por estas reestruturacións parcelarias, que comprenden unha superficie de máis de 2.000 hectáreas.

Así, trátase dos dous primeiros decretos de reestruturación parcelaria que se decretan trala entrada en vigor en 2015 da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Neste senso, cabe sinalar que ambos procesos foron apoiados polo Concello e polos titulares das explotacións da zona. Falamos de dúas áreas nas que están rexistradas 125 granxas, a maior parte delas de vacún. De aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona. 

Ademais destes dous novos procesos, tamén se acaban de someter a información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG), do pasado 18 de marzo, os estudos previos de iniciación das zonas de reestruturación parcelaria de Poulo (Ordes, A Coruña), de Seoane da Pregación (Friol, Lugo) e de Viladonga (Castro de Rei, Lugo). Precisamente, cabe sinalar que por cada proceso finalizado (con títulos de propiedade entregados aos veciños), a Xunta decretará unha nova zona de concentración parcelaria para loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva. Precisamente os dous decretos de hoxe amosan o cumprimento deste compromiso adquirido por parte do Goberno galego.

Lei de recuperación

En calquera caso, a Xunta ten claro que as concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de reestruturación máis de 118 millóns de euros dende o ano 2009, sendo o orzamento previsto para este 2021 de máis de 12 millóns de euros.

Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da Metaga. Así, na nova lei apostarase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, mellorarase a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

0.19340801239014