Denuncian desde Vilalba que o Goberno compromete as explotacións gandeiras coa postura de protección do lobo

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, denunciou hoxe que o Goberno central está a comprometer a viabilidade das explotacións gandeiras coa súa postura sobre a protección do lobo.
Durante unha visita que realizou esta mañá en Vilalba a unha explotación gandeira en extensivo que sufriu varios ataques de lobo, a conselleira explicou que o sector gandeiro está a sufrir as consecuencias do empeño do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en que o estado de conservación desta especie sexa desfavorable ao contrario do que reflicten os datos oficiais dispoñibles.
Nesa liña, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que os datos oficiais contradín a postura ideolóxica do Goberno central xa que reflexan unha evolución positiva da especie en España nos últimos tempos, polo que o seu estado de conservación debería ser considerado favorable. Ante estes resultados, o Ministerio puxo en marcha unha serie de trámites non previstos regulamentariamente e manobras dilatorias cos que pretende desacreditar o traballo técnico e rigoroso feito polas comunidades autónomas sobre esta especie.
Segundo incidiu a conselleira, Galicia enviou información e avaliacións para 38 especies, que foron feitas polos mesmos técnicos cos mesmos criterios e procedementos que establece a Unión Europea, pero o Goberno central só pon en cuestión o traballo realizado sobre o lobo.
“Estamos ante unha situación insólita e inédita”, dixo Ángeles Vázquez, porque é o único caso no que o Goberno central somete a “revisión pública” os datos oficiais das comunidades autónomas sobre unha especie mentres que acepta sen problemas a información sobre as restantes.
En concreto, abriu un procedemento de información pública sobre o informe sexenal do lobo. Nese senso, cómpre subliñar que as comunidades autónomas con maior porcentaxe de presencia de lobo nos seus territorios elaboraron un informe sobre o estado de conservación desta especie, de acordo coas Directrices e procedementos establecidos pola Unión Europea e que seguen todos os Estados membros.
Ese informe, que concluía que o estado de conservación da especie era favorable, foi aprobado pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade o pasado mes de xullo de 2025. De feito, a partir dese momento, o Ministerio decidiu non continuar co procedemento ordinario e legalmente establecido desconvocando tanto a comisión como a conferencia sectorial na que se tería que analizar ese documento.
Polo tanto, a conselleira insistiu en que a apertura dun procedemento de información pública é algo completamente excepcional e sen precedentes co que o Goberno central busca desprestixiar o labor das comunidades autónomas; intentar condicionar o resultado da Conferencia Sectorial en contra dun traballo xa acordado, pero cuxo resultado se negan a respectar; e retrasar o máximo posible o envío á Comisión Europea do informe sexenal do lobo 2019-2024. Cómpre lembrar que o Ministerio debería ter enviado esa documentación hai case un ano á Unión Europea, que, de feito, xa abriu un procedemento de infracción contra España por este retraso porque, ademais, é o único país que non remitiu os datos.
E, mentres tanto, o sector gandeiro convive a diario “coa inseguridade, cos ataques e coa perda de animais”, dixo a conselleira, que engadiu que os avisos por ataques se incrementaron en Galicia nun 70% nos últimos anos e as reses afectadas medraron máis dun 50%.
De feito, a explotación gandeira que visitou hoxe a conselleira sufriu máis de 20 ataques desde 2024 -os 4 últimos este mesmo ano-. En conxunto, na comarca da Terra Chá rexistráronse na tempada de 2025 preto de 360 avisos con máis de 550 reses afectadas e nos últimos meses comunicáronse 166 avisos, máis da metade dos rexistrados en toda a provincia de Lugo.
Para concluír a conselleira fixo fincapé en que a Xunta mantén o seu compromiso de garantir o equilibrio e a coexistencia no medio rural de xeito que se compatibilicen a protección do lobo e a viabilidade da actividade humana. E, por iso, seguirá defendendo o sector gandeiro con datos, rigor e xestión fronte ao abandono do Goberno central.