Deputación e CEL impulsan un proxecto para facer máis competitivas as empresas e autónomos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O presidente, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, selaron este martes un acordo polo que a institución provincial achega 90.
13 Dec 2023

O presidente, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, selaron este martes un acordo polo que a institución provincial achega 90.000 euros á entidade para desenvolver o proxecto Gabinete Empresa Século XXI.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, asinaron este martes un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 90.000 euros para desenvolver o proxecto Gabinete Empresa Século XXI, dirixido a fortalecer, diversificar e mellorar a competitividade do tecido empresarial da provincia.

No marco do apoio aos sectores produtivos como “unha das grandes liñas de traballo” do Goberno provincial, esta nova colaboración coa CEL serve para facilitar gratuitamente ás empresas -sobre todo ás pemes e autónomos- as ferramentas e o asesoramento que necesitan para adaptarse ás circunstancias cambiantes e competir así con éxito no mercado actual”, mellorando “a súa capacidade para xerar riqueza e emprego e, con iso, contribuír a fixar poboación”, explicou o presidente.

O proxecto Gabinete Empresa Século XXI inclúe xornadas formativas sobre financiamento e negociación bancaria ou sobre nova lexislación; actividades para fomentar a industrialización do rural; estudos para mellorar a planificación loxística; o impulso da prospección comercial ao mercado internacional; ou a publicación de Lugo en Cifras, unha recompilación actualizada dos datos demográficos, sociolaborais e económicos máis significativos da provincia de Lugo.

“Dirixímonos especialmente ás pemes e ós autónomos. Primeiro, porque representan o 99% do tecido empresarial da provincia. É dicir, son o gran músculo da economía lucense. Pero tamén, porque, debido ás súas características, teñen máis dificultades para desenvolver pola súa conta actividades de formación e de actualización”, subliñou José Tomé.

Co acordo de colaboración asinado hoxe entre o presidente da Deputación e o secretario xeral da Confederación de Empresarios lucense, a institución provincial fortalece o apoio ao tecido empresarial en beneficio do conxunto da provincia porque, con proxectos coma este, “contribuímos a fortalecer, a diversificar e a mellorar a competitividade do empresariado. Polo tanto, estamos mellorando a capacidade das empresas para xerar riqueza e emprego no conxunto do territorio e, desta forma, estamos axudando a fixar poboación”.

José Tomé avanzou que “a boa disposición da CEL para deseñar actividades de interese buscando a colaboración de todos os axentes sociais vai encontrar sempre a man tendida da Deputación, dende o convencemento de que todo o que facemos xuntos polo ben da provincia acada un resultado mellor, e tamén obxectivos de maior impacto”.

0.18770694732666