Desactivada a situación 2 no incendio forestal de Boborás e activouse outro lume en Roupar, Xermade

GaliciaXa | TerraChaXa
A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún incendio forestal
helicoptero-incendio-forestal-lume
15 Jun 2026

Permanece activo, desde as 14:51 horas de hoxe, un incendio no municipio de Xermade, parroquia de Roupar, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a unha superficie superior ás 20 hectáreas.

Para a extinción deste incendio mobilizáronse, ata o momento, 2 técnicos, 5 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 5 avións.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural informa de que se acaba de desactivar a Situación 2 no incendio forestal do municipio ourensán de Boborás, parroquia de Moreiras. Esta situación operativa de emerxencia foi declarada onte domingo pola proximidade do lume ao núcleo de Vecoña.

Este incendio iniciouse ás 21:55 horas do sábado día 13 e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta a unha superficie de 230 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento, de forma acumulada, 4 técnicos, 25 axentes, 51 brigadas, 31 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 pas, 6 helicópteros e 10 avións.

Por outra parte permanece estabilizado, desde as 10:56 horas de hoxe luns, o incendio rexistrado no municipio de Padrón, parroquia de Herbón, no que tamén se desactivou a Situación 2 que fora declarada o pasado sábado, día 13, pola proximidade do incendio aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas.

O incendio iniciouse ás 16:01 horas do venres, día 12, e segundo as últimas estimacións afecta a unha superficie de 350 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento, de forma acumulada, 7 técnicos, 76 axentes, 109 brigadas, 76 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún incendio forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que alcancen as 20 hectáreas poderá consultarse na conta aberta en X (antigo Twitter): @incendios085.

0.11751699447632