Desbloqueada a avaliación do cambio de xestión e a homoxeneización salarial dos bombeiros de Lugo
O pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo que tivo lugar este xoves rematou con avances que se traducen no desbloqueo do Grupo de Traballo que se encargará de estudar a posibilidade do cambio no modelo de xestión e a homoxeneización salarial. Tanto a Xunta como a Deputación nomearon aos seus representantes no mesmo.
O consorcio tamén aprobou o orzamento para o 2018, en termos similares ao do ano en curso, e no que o punto máis relevante é a partida destinada a atender a equiparación salarial dos bombeiros que terá carácter ampliable pois permitirá incorporar as achegas de ambas administracións, nunha contía estimada de 330.000 euros cada unha .
Neste senso, constatouse que a achega prometida pola Deputación para este fin no ano 2017 non se poderá facer efectiva porque a administración provincial non desenvolveu os trámites precisos, como son a negociación do convenio colectivo e a modificación do contrato que rexe o servizo. Este feito, cómpre salientar, non é imputable á Xunta de Galicia que sempre sinalou que pola súa parte non hai obstáculo algún para que esta achega se puidera abonarse.
A Xunta de Galicia confirmou que os orzamentos autonómicos para 2018 inclúen unha partida específica para facer fronte á parte que lle corresponde a esta administración na homoxeneización salarial dos bombeiros. A equiparación queda supeditada, en todo caso, a que a Deputación acepte en pleno as condicións ás que se comprometeu na sesión do anterior do consorcio celebrada o pasado 25 de setembro e, sobre todo achegue o estudo económico e xurídico que acredite a viabilidade do cambio de modelo proposto.
Outros asuntos de interese
Tamén se constataron avances noutros puntos de interese. Así por exemplo desde a Presidencia do Consorcio, que neste momento recae no director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, explicaron que unha empresa especializada está encargada de elaborar a auditoría sobre os posibles incumprimentos das empresas adxudicatarias denunciados polos traballadores. O para elaborar ese estudio é de un mes.
Tamén Xunta e Deputación deron a súa conformidade á relación de criterios obxectivos que deben rexer a bolsa de substitucións dos traballadores do Consorcio, e acordaron o seu traslado ás empresas e aos representantes dos traballadores para que fagan as achegas que correspondan e así acadar os criterios definitivos que rexerán este procedemento.
Explicouse tamén que a cobertura da praza do xerente está pendente da resolución dun recurso presentado por un dos aspirantes. E tamén está pendente que o Pleno da Deputación de Lugo autorice o cambio estatutario que permitirá que, tal e como acontece no resto do consorcios de bombeiros de Galicia, a presidencia do Consorcio a ostente de xeito permanente o presidente do organismo provincial.