Descende o número de fogares que non chegan a final de mes

TerraChaXa
O número de fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumentou ata o 54,6%, mentres que a cifra de fogares con dificultade ou moita dificultade descendeu ata o 45,4%.
2 Xul 2018

O número de fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes aumentou ata o 54,6%, mentres que a cifra de fogares con dificultade ou moita dificultade descendeu ata o 45,4%. Este é o resultado máis baixo de fogares con algunha dificultade a fin de mes de toda a serie histórica, que se inicia no primeiro trimestre de 2010. 

De feito, o número de fogares que chegan con facilidade a fin de mes medrou en Galicia 7,4 puntos respecto ao anterior trimestre e case unha décima no último ano, segundo reflicte a Enquisa Conxuntural a Fogares correspondente ao segundo trimestre e publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ademais, no segundo trimestre de 2018 produciuse tamén un incremento da confianza dos consumidores. Así, o indicador de confianza do consumidor tamén mostra unha tendencia positiva ao situarse no -8,17, o que supón unha mellora de 2,7 puntos respecto ao trimestre anterior.

Esta mellora é consecuencia das mellores perspectivas que teñen os fogares galegos sobre a situación financeira persoal -que mellora 5,2 puntos sobre o trimestre anterior-, sobre a situación económica de Galicia –que mellora 4,1 puntos- ou sobre a evolución do desemprego nos vindeiros meses, que mellora case 3 puntos. A única compoñente que non mellora é a da capacidade futura de aforro, que empeora 1,5 puntos.

Ademais, a enquisa do IGE mostra tamén unha redución dos fogares que no segundo trimestre tomaron medidas para reducir gastos ou aumentar ingresos. Por exemplo, o instituto estatístico ratifica que baixan os fogares que cambian os seus hábitos de compra para aforrar, que diminúen outros gastos comúns –como roupa, calzado ou transporte- e que reciben axuda económica de familiares ou amizades.

0.18657112121582